Tras o anuncio o pasado mes de abril da preparación dun proxecto para revalorizar a contorna do Lago de Castiñeiras, o Concello de Marín avanzou onte os primeiros detalles do mesmo. Tal e como anunciou a alcaldesa da localidade, María Ramallo, a actuación centrarase na reorganización dos accesos ao parque e do espazo colindante ao lago.
Coa mellora da mobilidade e a creación de itinerarios seguros para os peóns como os dous piares principais do proxecto, actuarase en distintas zonas do enclave. Unha delas será a que está diante do propio lago, onde se crearán dous espazos separados por un murete de pedra no que os usuarios poderán sentarse a descansar e que ademais servirá como elemento protector fronte ao tráfico.
O pavimento das zona peonís diferenciaranse do da estrada, dando continuidade ao resto dos sendeiros. Tamén se mellorará o pavimento actual do paseo ubicado fronte ao lago e instalaranse unha serie de bancos na zona central. O percorrido de subida entre o lago e o aparcamento, así mesmo, converterase nun agradable sendeiro e, para aumentar a seguridade, separaranse o espazo dos peóns e o do tráfico rodado.
Outra das novidades será a habilitación dunha especie de auditorio ao aire libre, aproveitando a pendente do terreo, que estará dotado cunha zona de graderío feito en pedra. Así mesmo, nunha zona moi próxima ao lago deseñarase unha estancia con diferentes mesas e bancos.
Tal e como xa se anunciara, e co obxectivo de reordear os usos que se fan deste enclave natural, habilitarase unha zona de aparcadoiro específica, xa que moitas persoas acceden ao Lago de Castiñeiras en coche. Habilitarase un parking disuasorio nas antigas instalacións do campo de tiro que contará con capacidade para 128 prazas.
O obxectivo é facer do principal parque periurbano de Marín, que ademais conta con elementos con valor natural, histórico e arqueolóxico, un espazo "máis agradable", tal e como apuntaron dende o Concello, así como mellorar a mobilidade neste enclave.
O proxecto, que segundo se anunciara contará cun orzamento de aproximadamente 200.000 euros, enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística, dotado con dous millóns de euros dos Fondos Europeos-NextGeneration. Neste, ademais da mellora no Lago de Castiñeiras, inclúese a creación das piscinas saladas, dun centro BTT ou o acondicionamento dun aparcamento para caravanas.