A arte viaxa polo mundo cun idioma propio e común que permite tender pontes entre diferentes cidades e lugares. Ese intercambio é a base do proxecto Marín-Strasbourg Interchange, unha mostra conxunta comisariada polo pintor marinense Antón Sobral na que se exporán as obras das artistas alemás Ilona Maier, Ingrid Rodewald, Melody Seiwert e Susanne Neiss, e que levará por título The ground may break off (O chan pode romper). A exposición inaugurarase este venres ás 20.00 horas no Museo Manuel Torres.
Tal e como explica Antón Sobral, este intercambio Marín-Estrasburgo forma parte do intercambio cultural entre Galicia e Alsacia. A da localidade marinense será a segunda mostra enmarcada nestre proxecto. A primeira tivo lugar na capital alsaciana o pasado ano, ata onde viaxou Sobral para amosar as súas obras de temática mariñeira, que acompaña ao artista de Marín alá onde vai.
Catro artistas recoñecidas

Ingrid Rodewald estudou pintura e gráfica libres na Staatl Kunstakademie Karlsruhe. As súas obras de arte exhíbense en galerías e museos a nivel internacional de Alemaña, Francia, Suiza, Dubai ou México, e agora chegan a Marín. Os collages de paisaxes de Rodewald consisten en material atopado en vallas publicitarias, pero contrastan coa mensaxe publicitaria orixinal. Ten unha obra con interese sociolóxico e examina ambientes reais e ficticios, alternando construcción, reconstrucción e deconstrucción.

Ilona Maier é autodidacta e na súa vida artística participou en diversas exposicións individuais e colectivas en España, Francia e Alemaña. Maier continuou desenvolvendo constantemente os seus coñecementos e experiencia sobre o soporte fotográfico e as técnicas mixtas que combina. Agora experimenta coa fotografía e a transferencia. Inspiradas na arquitectura e na paisaxe, as súa fotografías transfírense sobre cartóns e materiais reciclados, combinadas con técnicas de impresión.
Mélody Seiwert é unha fotógrafa visual que desenvolve desde os anos 80 un traballo fotográfico proteico, sondeando o mundo nas fronteiras do real e do invisible. Realizou numerosas exposicións en Francia e no estranxeiro e varios dos seus proxectos foron apoiados polo DRAC, a cidade de Estrasburgo e a rexión do Grand Est. A metamorfose infinita e a continua manifestación da vida é a savia da súa obra actual, basada en reflexións de pensadores e filósofos sobre a natureza.
Para Susanne Neiss, outras das artistas participantes na mosta, a cor e a luz convértense en significado emocional e unha fenda pasa pola percepción. As súas series tratan dunha metamorfose "de algo difícil a algo fácil". Na súa serie Meridian, por exemplo, conflúen diferentes niveis para crear un equilibrio interior de proximidade e distancia, emoción e reflexión, porque a perda do equilibrio interior "parece estar na raíz de tantos problemas actuais, entre eles os ecolóxicos".