domingo. 24.10.2021 |
El tiempo
domingo. 24.10.2021
El tiempo

Queremos Galego Marín recoñece o labor dos Saljariteiros

Os Saljariteiros. CEDIDA
Os Saljariteiros. CEDIDA

Concédelle o Premio da Lingua por "faceren da música tradicional a súa razón de ser" ▶ Raúl Pesqueira recibirá o galardón de ouro

Como cada ano, a Asociación Queremos Galego Marín quere recoñecer publicamente o labor daquelas persoas e colectivos que contribúen á normalización, dignificación e valorización da lingua e da cultura galegas.

Así, este ano o colectivo entregará o Premio da Lingua na categoría de colectivos para Os Saljariteiros de Marín. "Concedémoslles este premio por faceren da música tradicional a súa razón de ser, contribuíndo de xeito importante á normalización da nosa lingua e á preservación e recuperación de tradicións musicais como os cantos de taberna, seráns, cantos de reis e outras manifestacións culturais que cómpre preservar para o futuro", indica o colectivo.

Por outra banda, conceden o Premio Lingua de Ouro, na categoría individual, a Raúl Pesqueira Fariña, artesán de xoiaría marinense que, continuando unha longa tradición familiar, rexenta o seu propio taller de xoiaría na vila. "Raúl Pesqueira inspírase nos motivos patrimoniais de Marín para crear diferentes tipos de alfaias cos que promocionar e descubrirlle á xente o noso patrimonio. Alén disto, este xoieiro atende, realiza toda a comunicación, difusión, promoción e documentación do seu taller en lingua galega", apunta a agrupación.

A asociación outórgalle ao concelleiro de Medio Rural o Premio Lingua de Trapo pola recollida "a eito" da toponimia do concello

Pola súa banda, o Premio Lingua de Trapo decidiron otorgarllo ao concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, "por mal entender como parte das súas funcións públicas de representación institucional e tarefas políticas a recollida 'a eito' da toponimia e microtoponomia, de xeito totalmente acientífico, sen contrastar e sen asesoramento técnico lingüístico".

A entrega dos galardóns terá lugar o venres 6 de xullo, a partir das 21.00 horas, no bar Lorenzo (Taberna da Potona), localizado na rúa Sagrada Familia de Cantodarea.

Ademais de recoñecer publicamente o labor destas persoas e colectivos, a agrupación quere "concienciar os premiados co Premio Lingua de Trapo dos dereitos lingüísticos das persoas galegofalantes, da importancia da nosa lingua e da seriedade do seu estado de saúde". Por outra parte, a asociación reclama "a contratación dun servizo de normalización lingüística que poña os piares para mellorar a situación e uso do galego en Marín, e que se ocupe, coordine e dirixa tarefas como a da recollida da toponimia e a microtoponimia con criterios lingüísticos contrastábeis".

Durante o acto de entrega dos premios, o colectivo tamén realizará unha pequena homenaxe póstuma á marinense Concepción Sanjorge Couso, Concha Cara Lavada, falecida en abril deste ano.

Neste acto, no que colabora o Concello de Marín, as persoas e colectivos premiados recollerán unha figura realizada polo taller de cerámica Alén das Olas.

Queremos Galego Marín recoñece o labor dos Saljariteiros
Comentarios
ç