Lunes. 22.04.2019 |
El tiempo
Lunes. 22.04.2019
El tiempo

A HISTORIA DE FRANCISCO ESCÁNEO

Radiografía dun fusilamento

Escáneo cun grupo de galeguistas no 1928 nunha homenaxe a Castelao. CEDIDA
Escáneo cun grupo de galeguistas no 1928 nunha homenaxe a Castelao. CEDIDA

A recreación das últimas horas de vida dun dos concelleiros da Corporación buenense do 36 antes de ser asasinado. A Galicia na que viviu. A represión, a dor e a xustiza da reparación. Todo iso cabe na investigación feita pola súa bisneta

"MATARON AO MEU irmán!", exclamou Luisa, irmá de Francisco Escáneo, cando soubo que este fora asasinado en decembro de 1936. O seu corpo apareceu nas inmediacións do cemiterio municipal de Marín, onde permaneceu enterrado ata pasado o 1970, cando o levaron de volta ao seu Bueu natal.

A historia de Escáneo, concelleiro de Bueu na etapa republicana, cuxa vida lle foi arrebatada polas forzas franquistas, deixou unha pegada inesquecible na vila buenense, unida á do resto de concelleiros que conformaron a Corporación do 36.

"Esta Corporación ocupa un lugar especial na historia da vila. Isto débese, por unha banda, aos aires de cambio que trouxo o Goberno de Johán Carballeira, con moi interesantes reformas, pero, sobre todo, á brutal limpeza política da que foron vítimas os concelleiros". A que fala é Aldara Cidrás, historiadora e bisneta de Escáneo. Aldara adicou o seu traballo de fin de grao a facer unha radiografía dunha xeración utilizando como fío condutor a historia individual do seu bisavó.

"Moita xente cre que para ‘non reabrir vellas feridas’ hai que esquecer o pasado. Non sei se é perverso ou inxenuo"


"A memoria colectiva non deixa de ser unha suma de memorias individuais", explica Aldara, quen recoñece que moitos dos que leron o seu traballo viron reflectidas nel as experiencias dalgúns dos seus familiares. "O extraordinario do caso de Escáneo é o feito de levar unha vida tan arquetípica no seu tempo, case de manual. É un caso idóneo para entender a historia de Galicia do primeiro terzo do século XX". Revisitémola, pois.

DE BELUSO A CUBA. Francisco Escáneo naceu en Escandiña (Beluso) o 25 de novembro de 1896, en pleno auxe do modelo industrial conserveiro dos Massó. Andaba na vintena cando emigrou a Cuba, onde tomou contacto co movemento obreiro. "A emigración foi para moitos galegos unha sorte de rito iniciático de politización, particularmente en Cuba", explica Cidrás, que antepón "as remesas invisibles", as culturais, ás económicas que trouxo consigo o movemento migratorio. "As novas ideas políticas que achegaron os emigrados americanos durante as últimas décadas da restauración foron claves. Sen elas non poderiamos entender o paso dunha sociedade onde os dereitos políticos dos cidadáns eran meros formalismos a unha república democrática nun momento no que en Europa estaban a gañar pulo os fascismos", engade a investigadora.

Traballando en terra cubana, Escáneo sofre un accidente laboral que lle supón a perda de parte dunha perna, á altura do xeonllo. Consegue unha indemnización ca que poñer unha prótese e volver a Galicia.

O RETORNO. Corre 1924. Escáneo xa pisa chan galego convertido nun prohome local, con certo poder adquisitivo que lle permite iniciar un negocio propio relacionado co mundo do transporte. Casa con Josefina Pérez Santaclara e en 1930 monta unha taberna, na que se reúnen mariñeiros e afiliados e líderes do Partido Galeguista, como o seu amigo Alexandre Bóveda.

Aínda que consegue o seu primero cargo político en abril de 1931, sendo elixido como un dos catro concelleiros da ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma), o esplendor da carreira municipal de Francisco Escáneo chega ca súa entrada na Corporación do 36, desta volta polo Partido Galeguista. Tras o Golpe, perpetrouse sobre este grupo de Goberno unha brutal represión, que se saldou con seis dos seus membros, entre eles Escáneo, asasinados, e os outros oito desterrados da política.

REVISIÓN DA HISTORIA. Durante moitos anos, estivo vixente na memoria colectiva a versión franquista de que Escáneo, Carballeira e o resto dos asasinados foran abatidos por un suposto intento de fuga do calabozo no que os meteron os golpistas unha vez o terror comezou a estenderse por todo o territorio nacional.

"Eu dedícolle este traballo a toda a xente de Bueu que segue a loitar contra a desmemoria"

Matárono na madrugada do 6 ao 7 de decembro de 1936. No seu traballo de fin de grao, Aldara recolle como foron as últimas horas do seu bisavó: "Chámano do Concello para que vaia facer unha declaración. Con calma, deulle tempo a se vestir: un gabán, dúas chaquetas, un xersei, un chaleco, camisa e elásticos, uns pantalóns e un zapato. Na outra perna, un anaco de madeira en vez da prótese que trouxera de Cuba. "Marcho, Pepa, que canto antes vaia, antes hei voltar"".

A desgarradora frase de Luisa, a súa irmá, que encabeza esta peza e que serviu de título á investigación de Aldara, foi a anunciadora do tráxico final.

A historia real do fusilamento por motivacións políticas tardou en saír á luz de maneira oficial. De aí a necesidade que ve Aldara de "facer un traballo de revisión dos mitos historiográficos". Tamén reflexiona sobre o que lle supón ás familias das víctimas o recoñecemento público dos feitos, de poñer negro sobre branco a crúa realidade da represión e da política do terror franquista, que durante moitos anos tiveron que levar ancorada no peito, escondida baixo a roupa.

Sen embargo, Aldara Cidrás vai máis alá e incide no reparador que é esta cuestión para "toda a sociedade, xa que, contrariamente ao que moitos alegan, falar destas historias actúa como ritual social que serve para pechar feridas".

Neste senso, cre que "o caso de Bueu é admirable, porque hai unha clara conciencia de revitalización da memoria histórica e política, tanto a nivel asociativo como cultural. "Eu, de feito, dedícolle este traballo a Escáneo, ás súas fillas e, especialmente, a toda a xente de Bueu que segue a loitar contra a desmemoria. De todos eles é o mérito", sentencia.

LEVANTAR PÓ. Cidrás analiza tres motivos como posibles causas da existencia de persoas que prefiren non levantar máis pó no que á historia se refire, que son "o interese político, o desinterese social e a incapacidade dos historiadores para comunicar". "O primeiro é obvio, ca derrogación de facto da Lei de Memoria Histórica deixándoa sen orzamento, ou con certos comentarios dalgúns dirixentes. É indignante".

"Moita xente cre que para ‘non reabrir vellas feridas’ hai que esquecer o noso pasado. Non sei se é perverso ou inxenuo. A guerra civil é un capítulo da nosa historia pechado en falso (...). Que falar de algo que aconteceu hai máis de 80 anos sexa percibido coma algo perigoso é un claro síntoma do estado da cultura democrática actual", asegura Aldara Cidrás, que aboga porque os historiadores ‘escapen’ dos formatos academicistas para achegarse aos verdadeiros receptores da historia: nós, o groso da poboación, os que podemos aprender dela.

Radiografía dun fusilamento
Comentarios