Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Rafa Cabeleira: "Teño unha boa canteira de personaxes e historias"

Rafa Cabeleira en Diario de Pontevedra. RAFA FARIÑA
Rafa Cabeleira en Diario de Pontevedra. RAFA FARIÑA

A librería Miranda de Bueu acolleu este venres a presentación do seu libro 'Alienación indebida'

Alienación indebida é o título do libro de Rafa Cabeleira que reúne os artigos xornalísticos sobre fútbol que o levaron a colaborar en diversos medios de comunicación. Comezou cun blog e ahora é colaborador habitual de Diario de Pontevedra, El País, RAC-1 ou a revista Jot Down. Onte estivo en Bueu, presentando o volume na librería Miranda.  

Presenta en Bueu o seu libro. Vai estar coma na casa.
Si. Eu estudiei prácticamente toda a miña vida en Marín e teño moitos compañeiros de Bueu e do Morrazo, así que espero estar bastante arroupado pola miña xente.

Alienación indebida. Hai que poñer nomes raros para crear interese e vender libros?
Se temos a sorte de que chegue á terceira edición teremos que cambiarllo. Supoño que no momento foi un xogo de palabras que me pareceu moi simpático e que estaba moi ben, pero ao mes de velo na portada empecei a arrepentirme un pouquiño. Agora xa está ligado ao meu nome e hai que achantar con el.

Chegar á terceira edición ou escribir outro para escoller de novo título.
Si. Dicíame Juan Tallón na presentación que fixemos en Ourense que, o seu, sería que o seguinte libro se chamase Alienación Indebida 2, como as series de películas americanas malas. Pero non estaría mal nin que chegase unha terceira edición nin que chegase un segundo libro, con un título tan ridículo como o que suxire Juan. Estarían ben as dúas cousas.

Ten algo en mente para ese segundo libro?
O que tería en mente é afastarme un pouco do tema artigos e da medio fama que me estou criando de xornalista deportivo, que é algo que eu non pretendín nunca. E a partir de aí, o que xurda. Facer unha reportaxe longa, algo de ficción ou unha noveliña. O que si teño claro é que quero facer un segundo libro, e iso xa é importante, porque eu nunca tiven claro que quixera facer un primeiro.

Hai algo máis ca fútbol neste país?
Hai vida máis alá do fútbol. E seguramente no libro tamén hai vida máis alá do fútbol, sobre todo na miña, que está practicamente toda aí contada. Pero con Franco os touros eran a maneira de ter á xente aletargada, entretida con outras cousas, e penso que co fútbol hoxe en día, aínda que non sei se voluntariamente, supoño que non, está pasando un pouco o mesmo. Seguramente hoxe en Bangladesh ou en calquera país de África están a morrer unha morea de persoas, que sería unha nova que nos impactase moito, ou no Congreso dos Deputados toman medidas de emprego. Pero se o Real Madrid anuncia unha fichaxe, a portada vai ser para iso. Non vai ser para as cousas que realmente nos van importar a nos. Pero de quen é a culpa? Do que compra ou do que vende o xornal? Supoño que un pouco compartida.

Os estadios están sempre cheos.
Estadios cheos e camisetas de 150 euros que se mercan, incluso, para nenos aos que apenas lles dura sete meses. Cromos, videoxogos... Todo o que se move arredor do fútbol é tremendo e ves que somos nós mesmos os que o estamos a manter. Por iso o fútbol se pode permitir mover as cantidades de cartos que move, porque á súa beira xérase moito, moito diñeiro.

Deixemos o fútbol e cóntemos como un mozo de Campelo acaba escribindo artigos en El País.
É un pouco difícil de explicar. Todo comeza por imitación, por envexa. A vida que levaba non me gustaba e coñecín a xente como Juan Tallón ou Manuel Jabois, e quixen levar a vida que eles levaban. Entón tiven un golpe de sorte e a persoa que en poucos meses vai ser a xefa de deportes de El Pais, decide apostar por min. En realidade chegou moi de sopetón, sen esperalo. Non cría que estivera preparado para escribir nese xornal. E así saltei do bar a El País.

Nos bares trátanse temas realmente importante e búscanse solucións a moitos problemas.
No bar soluciónase todo: dende política internacional ata fútbol. O maior problema que te poidas imaxinar soluciónase en 15 minutos. E o que ten o bar para min, e que é fonte constante de historias e de personaxes. No bar dunha gran cidade igual non chegas a coñecer aos clientes como o fas nunha pequena aldea. Porque aquí ademais de clientes son veciños e sabes como é a súa casa, a súa familia. Sábelo todo. Se tento facer algo máis ficionado, teño unha boa canteira de personaxes, de situacións e historias, porque crieime no medio dela.

Non descartamos, entón, unha novela ambientada en Campelo.
Non a descartaría para nada, aínda que seguramente tería que cambiar o nome do lugar e dos personaxes. Somos moi boa xente, pero temos un punto rancoroso. E seguramente se enfadarían máis os que non se senten representados no libro que os que aparecen. Foi o que lle sucedeu a Nacho Carretero, co libro ‘Fariña’, porque os que máis molestos estaban eran os narcos que non aparecían no libro que fai un repaso pola historia do narcotráfico galego. 

Rafa Cabeleira: "Teño unha boa canteira de personaxes e historias"
Comentarios