Un recordo para as xeracións futuras encapsulado nun documental

'Seixo. Memorias dunha parroquia', unha peza audiovisual que pretende poñer en valor os testemuños e patrimonio dos veciños
MARIN Cine de Seixo Fotografias para reportaje del estreno del documental Seixo
photo_camera Deceas de veciños asistiron a esta estrea. JAVIER CERVERA

"Para poñer en valor as cousas hai que coñecelas". Con esa contundente frase describiu Ángela Graña, da Asociación Cultural O Ronsel e promotora do proxecto, o obxectivo agochado tras o novo documental sobre Seixo, unha peza que pretende poñer o foco de atención na tradición e costumes da parroquia marinense da man daqueles que mellor a coñecen: os seus veciños. Ante eles –os colaboradores e patrocinadores que formaron parte do vídeo–, estreouse este sábado o documental, que se abrirá ao resto do público nun futuro próximo.

A histórica sala do Cine de Seixo foi a escollida para proxectar este primeiro visionado. O cine da parroquia é tamén testemuño directo e factor esencial desa vida sociocultural que a asociación quixo poñer en valor promovendo a peza. Así, entre entusiasmo e expectación, o cine encheuse dos veciños que puxeron o seu grao de area para facer posible a proxección final deste documental, no que, entre entrevista e entrevista, se podían oír os marmurios dos seus amigos, familiares e coñecidos, que recoñecían en pantalla aos seus veciños.

Algúns deles, tristemente,non puideron formar parte deste importante evento. Raimundo Calviño e Benito Boullosa, falecidos recentemente, foron homenaxeados nos créditos da peza e aplaudidos por todos os presentes, que non quixeron esquecerse deles nesta data tan destacada.

Facer tanxible ese "sentir da xente desta parroquia e a súa vinculación eterna ó mar"

A elaboración do documental leva en marcha dous anos e é o resultado do traballo conxunto de diversos factores aos que Ángela quixo facer especial mención. Tanto dende o nivel técnico do documental, dirixido por Daniel Arana da man da produtora Espejo Films, como económico, grazas a financiación do Concello de Marín. A alcaldesa, María Ramallo, que asistiu tamén onte á estrea, destacou a importancia do documental para facer tanxible ese "sentir da xente desta parroquia, como se foi xestando da man dos que viven aquí e a súa vinculación eterna ó mar".

O sentir mariñeiro é precisamente un dos motivos que se repiten ó longo das entrevistas que protagonizan a peza. "Todos hablaban de que Seixo era una parroquia marinera", explicou o director, "en la que los hombres iban a la mar y las mujeres quedaban en tierra". Ese sistema "matriarcal" que representa Ana Belén Carballo, filla de Cuco Carballo, o propietario do cine Seixo, e que describiu no propio documental en base aos seus propios recordos.

"Dani captou enseguida a idea que queriamos transmitir, esa importancia de non perder a memoria da xente maior e que quedase reflectida para sempre", explicou Ángela.

O documental aspira a ser unha pequena cápsula do tempo en formato audiovisual na que se preserve o patrimonio inmaterial da parroquia 

Memorias dunha parroquia pretende servir como un reflexo da historia de Seixo, pero tamén aspira a ser unha pequena cápsula do tempo en formato audiovisual na que se preserve o patrimonio inmaterial da parroquia para as xeracións vindeiras. Os recordos de todos os veciños súmanse aos dos seus históricos comercios, motores económicos esenciais que formaron parte da vida de todos eles, pagando moitas veces a prazos ou fiando. "Fálase da panadería de leña da Corrixidora, dese pan cun olor que perdura aínda na memoria", tamén de persoeiros esenciais, como John Balan ou os mestres que ensinaban na parroquia cando a praia de Loira era aínda o patio de recreo.

Pero, sobre todo, fálase "do regalo que nos fan os nosos maiores coa súa memoria, esa que nós queremos conservar para saber de onde vimos", concluiu.

Comentarios