Remolcan un veleiro avariado ata o peirao de Moaña

A embarcación quedara sen goberno

Os servizos de emerxencia de Moaña realizaron o remolque dun veleiro na parroquia de Santa Eulalia de Meira sen rexistrar danos persoais. Ao fío das 21.05 horas deste venres, un particular contactou co 112 Galicia para informar de que unha embarcación necesitaba axuda ao quedar sen goberno, é dicir, que era incapaz de manobrar. 

Desde o 112 pasouse aviso de inmediato ao equipo de Salvamento Marítimo que desprazou até o lugar á embarcación Salvamar Mirach para remolcar o veleiro até o peirao de Moaña.

O operativo tamén contou coa participación do Servizo de Gardacostas de Galicia e dos axentes da Garda Civil.