O renacer do Estaleiro de Purro

O Concello e a Deputación inauguraron este sábado a instalación, que ven de ser rehabilitada para convertila nunha especie de museo ao aire libre

O entorno do estaleiro acolleu diversas actividades para celebrar a súa reapertura. RAFA FARIÑA
photo_camera O entorno do estaleiro acolleu diversas actividades para celebrar a súa reapertura. RAFA FARIÑA

A carpintería de ribeira, a tradición mariñeira, a cultura e o urbanismo déronse este sábado a man na inauguración do recén rehabilitado Estaleiro de Purro, un emblema de Bueu que, desde este sábado, é algo máis que unha mostra do pasado da vila, convertíndose nun lugar de referencia para o futuro.

No acto celebrado este sábado, no que non faltou nin a literatura, nin a música, e incluso houbo unha boa dose de danza aérea, estiveron presentes autoridades do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, xa que ambas administracións foron as que subvencionaron o proxecto. Así, deixáronse ver o alcalde da vila, Félix Juncal; o concelleiro de Cultura e deputado, Xosé Leal, e a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, entre outros.

No apartado literario, presentouse, por un lado, unha publicación moi vencellada a Bueu e ao mar: "A dorna, a gamela e o galeón", un libro realizado pola Federación Galega pola Cultural Marítima e Fluvial. Por outra parte, Xurxo Lobato adiantoulle ao público os detalles da súa publicación "Vento nas velas", na que aparecen as embarcacións tradicionais da asociación Os Galos navegando pola ría de Pontevedra.

A acróbata Rebeca Santos foi a encargada de realizar espectaculares acrobacias aéreas, mentres que a música estivo posta por Sonia Lebedynski.

De entre o concurso de ideas que se fixo para decidir como sería o 'Purro 2.0', gañou a proposta titulada 'Obra Viva', cuxo diseño dáballe total protagonismo á arquitectura tradicional do estaleiro, apostando polo acristalamento de parte dos seus laterais, para que se manteña esa sensación de unión co mar.

Comentarios