A Revolta e Irevire celebran un concerto en defensa da sanidade pública en Seixo

As entradas anticipadas ao evento estarán dispoñibles en La Panadería de Seixo
O dúo A Revolta (Samuel Acuña e Eva Lamelas) tras un concerto. DP
photo_camera O dúo A Revolta (Samuel Acuña e Eva Lamelas) tras un concerto. DP

O Cine Seixo acollerá hoxe un evento musical que ofrecerá unha serie de concertos en directo da man dos dúos locais A Revolta, cun estilo folk combativo, e Zeltia Irevire, enfocado ao folk tribal. As actuacións, que darán comezo a partir das 20.30 horas, contarán cun carácter reivindicativo en protesta á situación da sanidade pública de dita parroquia marinense.

Esta iniciativa naceu dun acordo establecido entre o guitarrista de A Revolta, Samuel Acuña, e a cantautora do dúo Irevire, Zeltia Acuña, ambos con raíces en Seixo, motivado polo desexo de tocar no histórico Cine Seixo. Así, en colaboración coa Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, decidiron trasladar o seu apoio á causa defendida por dito colectivo outorgándolle un aspecto cultural e musical.

As entradas anticipadas ao evento estarán dispoñibles en La Panadería de Seixo, e tanto estas como as que sexan adquiridas á entrada do concerto terán un prezo xeral de seis euros.

A REVOLTA. Este dúo, conformado por Samuel Acuña e Eva Lamelas, naceu no ano 2020 da man da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín.

A Revolta presentará este xoves durante o evento un novo videoclip, titulado Está ardendo un corazón. Por outra banda, o conxunto tamén dará a coñecer o seu disco LP, denominado Xustiza poética.

Comentarios