Pesqueira: "Rodéannos de eléctricas sen respecto ningún polos que vivimos ao redor"

A artista pontevedresa e afincada en Marín Xela Area Pesqueira expón no Ateneo Santa Cecilia a súa mostra Non así, que reivindica unha alternativa aos macroeólicos nos montes
Unha parte das pezas expostas na mostra 'Non así' de Xela Area Pesqueira. APP
photo_camera Unha parte das pezas expostas na mostra 'Non así' de Xela Area Pesqueira. APP

A arte non é so unha ferramenta para explotar e deixar voar a creatividade. Grazas a súa capacidade de transmitir as emocións de quen a crea, tamén foi dende sempre –e continúa séndoo máis que nunca– unha ferramenta para realizar reivindicacións. Precisamente ese é o imperativo da artista Xela Area Pesqueira, que tras varios anos de pausa, dende hai uns meses comezou de novo a crear, tendo como resultado "Non así", unha mostra reivindicativa sobre "o que está a acontecer ao redor da nosa vida en Galicia".

O Ateneo Santa Cecilia, onde Area expuxo por primeira vez de forma individual hai dúas décadas, foi o lugar escollido pola artista para mostrar a súas novas pezas de cerámica, técnica que a caracteriza, que fan unha clara crítica ao modelo dos macroeólicos que chegan aos montes da comunidade galega.

"Rodéannos de eléctricas sen respecto ningún polos que vivimos ao redor. Todo o mundo está descontento. A exposición vai un pouco a iso, xente de aquí, de sempre, que queremos ao noso espazo, ao lugar onde nacimos, ás nosas aldeas e á forma de vivir, que a están destrozando estas compañías sen escrúpulos de ningún tipo e sen falar coa veciñanza e escoitar á xente", explica Xela Area, que se mostra "moi contenta" de regresar a un "lugar de orixe" como é o Ateneo. "É un cúmulo de sensacións", di.

O nome da mostra, "Non así", é unha crítica ao modelo que as eléctricas están implantando nos montes galegos. "Sempre se poden facer mellor as cousas e consensuando coa xente; non invadindo espazos naturais e cun valor que teñen, en todos os sentidos, de flora e fauna. Dálles igual; agresivamente arremeten contra todo", manifesta a artista pontevedresa, afincada en Marín.

A pesar de que cre que "o poder é o que gana e por desgraza non temos moito que facer, aínda que haxa mobilizacións e alegacións", a súa forma de reivindicarse pasa pola arte e a escultura. "Non así" está composta por 16 pezas de cerámica –barro refractario– e 16 en papel, realizadas con pigmentos naturais como o café, azafrán, carbón ou líques.

Todas as obras representan "a persoas no seu día a día, que reaccionan a instalación dun macroeólico", que é o obxecto situado no centro da sala e hacia onde se dirixen as pezas, "no lugar no que viven, pasean ou no que fan deporte. Están tamén representados nenos, que son os que protestan e se manifestan con pancartas, porque son o futuro e quedan sen él con estes modelos".

Co "boom" dos proxectos eólicos foi cando Area se inspirou para comezar a darlle forma a esta mostra, que se poderá visitar no Ateneo ata este venres. "Tiña a necesidade de plasmalo a través do que fago coa cerámica", conta a artista, que para realizar cada unha das súas obras sempre se inspira nas súas vivenzas cotiáns e o tema dos eólicos "é moi latente e chamativo". "Tamén amoso o que sinto e as miñas emocións a través da cerámica", puntualiza.

Ao igual que outras das súas exposicións máis coñecidas, como Marexada ou Alumeando a Rosalía, que "están varadas", "Non así" é unha mostra á que "se lle poderían seguir engadindo elementos, pero o que quería amosar e transmitir está aí. Este tipo de proxectos nunca están rematados de todo".

Comentarios