Rodríguez anuncia o cambio de cuberta do CEIP Plurilingüe Carballal, en Marín

O conselleiro visitou as instalacións acompañado da alcaldesa, María Ramallo
O conselleiro, Román Rodríguez, e a alcaldesa, María Ramallo, na visita ao centro.
photo_camera O conselleiro, Román Rodríguez, e a alcaldesa, María Ramallo, na visita ao centro. AGN

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, anunciou un investimento de máis de 500.000 euros para cambiar a cuberta do colexio CEIP Plurilingüe do Carballal, en Marín. Ademais, explicou que se están a analizar as necesidades dos colexios de Seixo e Plurilingüe da Laxe para estudar a posibilidade de realizar melloras nos mesmos ao longo de 2024.

Nunha visita ao colexio, o titular do departamento educativo da Xunta explicou que esta actuación se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia, a folla de ruta do Goberno galego para renovar as instalacións educativas e adaptalas ás necesidades do século XXI.

A licitación do cambio de cuberta do colexio CEIP Plurilingüe do Carballal está prevista para antes do remate do ano e acadará un importe de 516.462 euros. A nova estrutura será de panel sándwich con acabado de aceiro galvanizado con 3.074,92 metros cadrados. A maiores, mudaranse os canlóns e as baixantes de aluminio do ximnasio por outras de PVC. Tamén se colocará unha nova conducción, do mesmo material, no saínte da planta baixa do bloque principal.

"Este plan ten entre as súas prioridades mellorar a eficiencia enerxética dos edificios educativos, o que redunda nun maior confort térmico para todos os membros da comunidade escolar", sinalou o conselleiro, que engadeu que "actuacións coma esta, de renovación de cuberta, así como o cambio de fiestras que acometemos xa neste colexio, son fundamentais para avanzar no obxectivo de acadar centros máis verdes e respectuosos co medio". Rodríguez lembrou que esta nova intervención eleva a máis de 5 millóns de euros o investimento da Xunta en obras educativas en Marín desde 2009. En total, 1,6 millóns de euros foron para o CEIP Plurilingüe Carballal. que foi obxecto das citadas rehabilitación enerxética e cambio da carpintería exterior.

Comentarios