Os romanos tamén viviron na Illa de Ons

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía que esta intervindo na zona datou os achádegos entre o século I e o século V despois de Cristo

Entre o século I e o século V despois de Cristo, durante a época do emperador Augusto, a Illa de Ons estivo habitada polos romanos. Esa foi a principal conclusión á que chegou o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo tras a realización dunha intervención arqueolóxica realizada no Castro do Castelo dos Mouros.

Esta intervención levouse a cabo dentro dun proxecto de investigación arqueolóxica na propia illa impulsada pola Xunta de Galicia a través do Parque Nacional das Illas Atlánticas e en colaboración coa Universidade de Vigo. A actuación consisitiu en dúas intervencións -realizadas ao longo do pasado ano- na praia de Canexol e no castro, lugar no que se confirmou a ocupación humana da Illa de Ons hai vinte séculos.

Na praia o obxectivo foi investigar as factorías de salga, das que xa se coñecía a súa existencia que, segundo os arqueólogos, tiñan uns 2.000 anos de antigüidade. Leváronse a cabo diferentes sondaxes -prospeccións xeofísicas- que evidenciaron que non só existía unha fábrica de salga, senón probablemente tres.

undefined
Durante a intervención no Castro do Castelo dos Mouros recuperáronse vivendas cadradas propias da época romana. GONZALO GARCÍA

"Estamos falando de que hai un complexo industrial moi importante, pouco común en Galicia, con tres fábricas de salazón que están producindo miles e miles de quilos de peixe salgado para exportacións", explica Adolfo Fernández, director do Grupo de Estudo de Arqueoloxía, que este mércores visitou os traballos acometidos na illa xunto co delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López.

Grazas ás escavancións tamén se atoparon unha gran cantidade de materiais arqueolóxicos que "nos serven para datar o xacemento, de época romana", así como fauna que axudou a reconstruír a vida e coñecer as especies que vivían na illa xa no século I despois de cristo.

Outra das grandes novidades e achádegos na praia de Canexol foi a recuperación duns restos de cunchas de múrices que xa non existen na illa a día de hoxe. Estas utilizábanse para fabricar tintura púrpura co seu interior, que era unha cor moi apreciada na época antiga. Segundo explica o director da intervención, esta é a primeira testación deste tipo de produción de púrpura dende o sur penínsular. "Non existía en contorno atlántico e menos tan o norte nun contexto industrial", indica.

O Grupo de Estudos realizou sondaxes para localizar a muralla do castro
O Grupo de Estudos realizou sondaxes para localizar a muralla do castro. GONZALO GARCÍA

Pola súa banda, no castro acometeuse unha intervención por primera vez. "Tendo este xacemento tan impresionante tiña que vivir xente", manifesta Adolfo Fernández. Nun primeiro momento, creíase que o xacemento databa da Idade de Ferro, pero tras a intervención descubríronse casas de tipo cadrado, máis que octogonais, que, xunto co material recuperado, datán entre o século IV e o V despois de cristo.

"Ese é o momento no que se abandonou, pero os materiais achados fálannos de que se puideron constuír no século I, xunto coas fábricas de salazón, e que continuou en vida ata o V", detalla o arqueólogo da Universidade de Vigo. Tamén nunha das vivendas achadas durante a intervención se atoparon moedas, chamadas "pequenos bronces", datadas do ano 300.

Ao abeiro dos traballos realizados no areal de Canexol apareceu un conxunto industrial romano completo vencellado ao sector do mar. GONZALO GARCÍA
Ao abeiro dos traballos realizados no areal de Canexol apareceu un conxunto industrial romano completo vencellado ao sector do mar. GONZALO GARCÍA

Con respecto ao futuro do proxecto, tanto o Parque como a Xunta de Galicia teñen "a intención de seguir realizando intervención", tal e como indica o delegado territorial, Luis López. "É un proxecto no que temos especial interese de que siga a longo prazo, xa que serve para coñecer mellor a historia da Illa de Ons e favorecer a difusión do seu patrimonio", manifesta.

Nesta liña, Adolfo Fernández anotou que a idea é "aumentar a área escavada" para permitir a súa musealización. Ademais, confían en que a finais deste ano "teremos unha área interesante escavada para entender o xacemento".

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía continuará traballando en Ons ata o final desta semana nunha terceira intervención. Non será ata setembro cando retomen os traballos, co fin da temporada alta de turistas na illa.

Comentarios