sábado. 24.08.2019 |
El tiempo
sábado. 24.08.2019
El tiempo

A rúa José del Río de Marín contará cunha pasarela peonil sobre o río

As obras, que comezarán a vindeira semana, terán un custo de 185.851 euros e terán que rematar antes de tres meses

As obras de reforma da rúa José del Río comezarán a vindeira semana. Así o anunciou este venres o responsable de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, que informou de que as obras foron adxudicadas á empresa "Construcciones Castro Figueiro SLU" por 185.851,45 euros, o que supón unha baixa económica do 22,5% con respecto ao orzamento de licitación, e que o prazo de execución será de tres meses.

O cronograma dos traballos establece que os primeiros días se realizará a sinalización de obra e o replantexamento do proxecto, marcando as cotas e o deseño final. Habilitaranse tamén desvíos peonís para as beirarrúas da marxe dereita e crearanse entradas accesibles para as vivendas e baixos comerciais da marxe esquerda co fin de poder demoler a beirarrúa e a zona de aparcamento.

Logo instalaranse as redes soterradas para a marxe esquerda (pluviais, fecais, abastecemento e alumeado público), construirase a pasarela peonil para ampliar a beirarrúa esquerda sobre o río Lameira, e realizarase a reurbanización da beirarrúa e o aparcamento, cun largo de 2,5 metros para o tránsito peonil e dous metros para o estacionamento.

Unha vez executada a marxe esquerda pasarase á dereita. Demolerase a beirarrúa, instalaranse as redes soterradas e reurbanizarase coas calidades proxectadas. A obra rematará co asfaltado, a execución de pasos de peóns sobreelevados ao inicio e final do treito (aproximadamente cen metros) para calmar o tráfico, a colocación de luminarias e mobiliario urbano e a sinalización vertical e horizontal.

O proxecto de reforma tivo que ser modificado para adaptarse aos novos criterios da Deputación, que establecen que as beirarrúas deben ter en todos os casos 2,5 metros de longo. Así mesmo, incluíuse a construción dunha pasarela peonil para dar continuidade á beirarrúa esquerda sobre o río. No proxecto tamén se apostou por renovar o saneamento para evitar verquidos no colector do río Lameira e cambiar as acometidas das vivendas conectadas.

A rúa José del Río de Marín contará cunha pasarela peonil sobre o río
Comentarios