Lunes. 22.10.2018 |
El tiempo
Lunes. 22.10.2018
El tiempo

Os segredos da Danza de Espadas de Marín

Xan Diz Conde, o gaiteiro de Ardán, puxo música á danza durante os primeiros anos do século XX. ARQUIVO (imaxe fechada no 1909)
Xan Diz Conde, o gaiteiro de Ardán, puxo música á danza durante os primeiros anos do século XX. ARQUIVO (imaxe fechada no 1909)

Un grupo de investigadores presenta este ano un traballo sobre o acto protagonista do San Miguel, que se celebra o vindeiro día 29, no que se expoñen novos datos e imaxes inéditas dunha das festas máis importantes na vila

Cando chega o San Miguel, en Marín toca danzar. A Danza de Espadas é unha das tradicións máis relevantes da vila mariñeira, que honra ao patrón deste gremio vestíndose de branco e cas cores que caracterizan a día de hoxe á festa: o vermello e o azul.

Cada ano, os danzantes son recibidos polo Concello, onde o Padroado de San Miguel outorga unhas medallas conmemorativas e homenaxea aos que xa non están. Despois, oficiase a misa e a imaxe do santo sae do Templo Novo, para percorrer as principales vías do municipio entre música, pasos de baile, espadas no ar e o son da pandeireta repiqueteando na pedra das rúas.

Co fin de coidar esta tradición e poder falar dela e promocionala con rigor histórico, o Padroado decidiu alumbrar un grupo de investigación, que coordina o gaiteiro de Picuiña, Jose Francisco Gil, e do que participan a presidenta da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica, Queta Molas; o docente do CEP Sequelo, Jose Antonio Pazos, e o investigador Celso Milleiro.

Deste incansable traballo de documentación, resultaron algúns arquivos e imaxes inéditas, datadas entre 1829 e 1954

Este "grupo aberto", tal e como se definen, por recibir aportacións puntuais de diversas persoas alleas á investigación, estivo dous anos seguíndolle a pista a canta publicación e arquivo fotográfico existe da Danza de Espadas. O traballo que deixou tras de si o finado Julio Pazos Gómez foi unha fonte documental moi importante para o grupo, que tamén acudiu aos xornais locais, ás follas parroquiais, a antigos programas da festa e aos arquivos provinciais e nacionais.

1Deste incansable traballo de documentación, resultaron algúns arquivos e imaxes inéditas, datadas entre 1829 e 1954. Outra das fontes inesgotables de datos, anécdotas, formas de vivir a festa e detalles foron as entrevistas que Queta Molas lle fixo a moitos danzantes, hoxe xa de avanza idade, que viron como esta costume foi gañando e perdendo cousas ao longo de todos os seus anos de existencia.

NOMES PROPIOS. Unha das cuestións que conseguiu sacar á luz a investigación levada a cabo por estes catro marinenses foi a lista de nomes propios que a Danza de Espadas foi confeccionando ao longo da súa historia.

Dous destacan por riba do resto: Diego Lubiáns Currás e Francisco Area "O Paivo". que foron os responsables da resurrección da danza despois dos escuros anos da Guerra Civil e do parón que se produciu na década dos 40.

Xunto a eles, figuras como as de Santiago Area González "Calistro", Santiago Area Nantes "Raxo", Juan Díaz Conde, "o gaiteiro de Ardán", ou a familia dos Marañóns, tamén son recoñecidos na investigación encargada polo Padroado.

Recuperouse unha ferreña con máis de 50 anos de antigüidade 

CANTODAREA DANZA SOA. Pero se hai unha descuberta que brilla por riba de todos os achados é o da historia dunha danza que conviviu ca de Espadas durante un tempo. Foi a Danza de Cantodarea, que estivo viva durante os anos 30 e incluso chegou a competir coa outra danza local nalgún dos concursos que se levaban a cabo a nivel provincial.

2Musicalmente, foron varias as descubertas e as postas en valor que se fixeron nos últimos tempos. Por exemplo, recuperáronse unha ferreña (o tipo de pandeireta que se utilizaba na danza) con máis de 50 anos de antigüidade e unha gaita, pertencente á familia dos Marañóns, cuxo punteiro se estima que pode ter máis de 200 anos. Ademais, a Deputación de Pontevedra editou un disco no que aparece a primeira grabación de música tradicional galega atopada ata o momento, que é precisamente a música da Danza de Espadas, interpretada por Perfecto Feijoo en 1904.

Por outra banda, o venres 28, o Museo Manuel Torres acollerá un acto no que se poderán escoitar dúas marchas compostas antes dos anos 20 por Ricardo Rosales Gabasot, director da Banda Municipal de Marín daquela época: a Marcha da Procesión de San Miguel e a Marcha das Regatas de Marín, ambas conseguidas grazas a que Eduardo Molas, un dos compoñentes da formación antes da guerra, gardou as partituras e llas deixou en herdanza aos seus familiares.

MELLORAR NO FUTURO. Na memoria de grupo que os investigadores realizaron, unha vez rematado, de momento, o seu estudo da Danza de Espadas, propóñense unha serie de recomendacións para que esta tradición recupere algúns dos seus rasgos definitorios que se foron perdendo co tempo.

"Sen interferir no desenvolvemento actual da danza", explican os investigadores, "esto podería darlle maior vistosidade".

Así, cren que debería volver bailarse no día do Corpus Christi, algo que requeriría «unha maior implicación por parte dos grupos de música tradicional» da vila. Ademais, poñen enriba da mesa a opción de que a vestimenta, tanto para homes como para mulleres, volva ser a de pantalón e camisola branca, faixa vermella e boina negra. O atuendo da falda incluíuse na tradición cando as mulleres da Sección Feminina, na época da ditadura, utilizaron a danza para participar nun dos concursos de Coros e Danzas que se desputaban en Vigo, porque daquela unha muller con pantalón era algo impensable.

Asimesmo, os investigadores propoñen que se recupere a utilización das castañolas, que aparecen documentadas por última vez nunha danza mixta bailada en 1970. Por último, pídenlle ao Padroado de San Miguel unha reflexión en torno ás figuras e o seu valor simbólico e unha maior implicación no coidado desta festa, que é, máis alá dunha danza, un dos elementos máis relevantes da cultura popular mariñeira de Marín.

Os segredos da Danza de Espadas de Marín
Comentarios