jueves. 17.10.2019 |
El tiempo
jueves. 17.10.2019
El tiempo

Segundo asalto en Bueu á espera da traca final

Festival Son Rias Baixas. ÓSCAR CORRAL02/08/19
Festival Son Rias Baixas. ÓSCAR CORRAL02/08/19
Boikot, La Pegatina, Dakidarría, Segismundo Toxicómano e Zea Mays pechan o SonRías 2019

Segundo día de SonRías, e segundo asalto que levan os festivaleiros desprazados a Bueu. Aínda que para algúns o afterparty se prolongase até case ver saír o sol, o sono non conseguiu vencer nin aos que parecían estar máis preto do K.O.

A media mañá, e coa axuda de algún que outro café máis cargado que de costume -cortesía da casa- a mocidade cambiaba o saco de durmir pola toalla para rematar de curar a dor de cabeza na praia. Con todo, o baño non durou moito, porque ás 13:00 horas comezaba no Regala Música o concerto de Ambigüo. A banda da Coruña presentou en Bueu o son indie pop do seu primeiro EP, demostrando ter sido xustos vencedores do concurso Sonidos Mans.

Ás 16:00 horas, Som do Galpom tomou o relevo no escenario da zona de acampada. Coa súa habitual mistura de rap e funky, e mais o adianto de temas perten centes ao seu próximo disco, os de Ames convenceron até aos máis partidarios da sesta de pospoñer o descanso.

Unha hora máis tarde era o turno de Hakuna Tanaka. Recén chegada da outra punta da península, a ilicitana encargouse de deixar o seu nome ben gravado na mente dos festivaleiros, grazas á súa combinación de hip hop e reggae e letras combativas. Coas notas finais aínda na cabeza, a rapazada regresaba á beira do mar ou decidía quedar un rato na tenda, disposta a retomar o repo so necesario de cara a coller folgos para a noite que se presentaba.

Sobre as 20.00 horas, e xa coas pilas recargadas, comezaba o pase de Nius de Nit. Un chute de bo rollo a ritmo de ska e rumba nas mans dunha banda que aspira a recoller o testemuño dos grandes nomes da música valenciana.

Puntual tamén á súa cita acodeu o dúo Iseo&Dodosound, un dos nomes máis agardados do segundo día de festival. Directos desde Iruña, e acompañados polos ventos de The Mousehunters, fixeron bailar a todo Bueu ao son da súa proposta que mistura reggae e r&b, entre outros xéneros.

E se o concerto dos pamploneses, que marcharon cunha gran ovación final, era dos que máis expectativas creaba, La M.O.D.A. non se quedaba atrás. Após triunfar nas festas do Apóstolo, o septeto conquistou o venres ao público do SonRías cun enérxico directo que combina blues, country e folk.

A continuación, e cun rexistro marca da casa, subía ao escenario Toteking. O Mc sevillano reafirmouse ante o público como unha das figuras clave da escena de hip hop estatal cun flow só a altura duns poucos.

Para rematar, o toque latino da noite correu a cargo de Muyayo Rif. A última xornada do festival comeza este sábado co regreso de Poetarras, a banda sorpresa deste ano, que fai un parón do seu parón para estar este sábado ante o público de Bueu. O concerto, de balde con previo paso pola billeteira, terá lugar no escenario Fest Galicia ás 12:00 horas. Xa pola noite, Boikot inaugurará o principio do final da xvi edición do SonRías Baixas.

Segundo asalto en Bueu á espera da traca final
Comentarios