O SEI San Narciso ten ciberexpertos

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, entregou este mércores xunto coa Policía Nacional os carnés acreditativos de uso a 42 nenos e nenas de 6º de primaria
Acto de entrega dos carnés de ciberexpertos aos alumnos do San Narciso. DAVID FREIRE
photo_camera Acto de entrega dos carnés de ciberexpertos aos alumnos do San Narciso. DAVID FREIRE

O fomento do uso adecuado das novas tecnoloxías e garantir seguridade na rede, en especial para os máis novos, é o obxectivo dunha das actividades incluidas no Plan Director da Policía Nacional que se desenvolveu ao longo do mes de xaneiro o CPR SEI San Narciso de Marín. Despois de superar esta formación, este mércores, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, acudiu ao centro educativo marinense para facer entrega dos carnés de ciberexperto a 42 dos seus escolares.

Acompañado do comisario provincial, Juan José Díaz, de axentes formadores do Plan Director da Policía Nacional, do director do centro, Antonio Traba, e do orientador, Santiago García, realizou a entrega de carnés a nenos e nenas que superaron a formación. O subdelegado agradeceulles o esforzo e felicitounos polo seu traballo e interese á hora de adquirir coñecementos en materia de educación no ámbito tecnolóxico.

Acto de entrega dos carnés de ciberexpertos aos alumnos do San Narciso. DAVID FREIRE
DAVID FREIRE

Abel Losada destacou que "con este programa, os alumnos e alumnas da provincia estarán máis preparados para facer fronte aos riscos de internet e saberán como proceder e actuar ante unha ameaza na rede". Así mesmo, o subdelegado quixo subliñar a colaboración e interese do centro ao promover esta acción, "que lle permitirá ter un alumnado máis preparado, diminuíndo as condutas de risco e todas as consecuencias que se podan derivar delas".

Por último, o subdelegado puxo o valor a vontade do corpo da Policía Nacional por achegar o seu traballo a todos os sectores da sociedade e "dotar de ferramentas a comunidade para afrontar situacións de risco, dentro e fóra da rede".

Acto de entrega dos carnés de ciberexpertos aos alumnos do San Narciso. DAVID FREIRE
DAVID FREIRE

Esta actividade forma parte do Plan Director da Policía Nacional, que ten como obxectivo a coordinación entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade, para dotar aos mais novos do coñecemento e as ferramentas necesarias en aras de previr ou detectar situacións de risco que poidan afectar á súa seguridade. O ano pasado 37.938 alumnos e alumnas, docentes e pais e nais da provincia participaron nalgunha das actividades organizadas en centros escolares ao abeiro deste plan.

Comentarios