Seixo conmemora un ano de loita veciñal en defensa da sanidade pública

A Alameda da parroquia inaugurou un monumento artesán en representación da cidadanía
Monumento artesán que representa a loita dos veciños de Seixo durante este ano. DP
photo_camera Monumento artesán que representa a loita dos veciños de Seixo durante este ano. DP

O lugar de Seixo iniciou onte a súa fin de semana festiva, un comezo que se viu marcado pola celebración dunha asemblea veciñal para culminar e visibilizar as actuacións en defensa dos servizos nas zonas rurais da localidade marinense que se levaron a cabo ao longo de máis dun ano. A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo convocou á cidadanía na Alameda da parroquia para poñer en común a actual situación da sanidade pública, tanto na propia zona coma nos municipios da contorna, ademais de para inaugurar un monumento que honra este tempo de loita veciñal.

A pesar de que dende a propia plataforma veciñal quixeron destacar o orgullo polo conseguido coas protestas, insisten en que a problemática e os recortes de servizos no rural continúan vixentes. No que respecta á sanidade pública, aspecto protagonista dos reclamos, na asemblea fíxose referencia a unha falta de facultativos nos centros de saúde, á insuficiencia de camas nos hospitais da contorna ou do número de ambulancias e ao funcionamento das Urxencias ou PAC, o que a voceira do colectivo, Iria Aboi, asegurou que se trata "dun servizo totalmente descuberto".

Aboi salientou que, co deterioro da situación durante a época estival debido ao aumento do número de habitantes na parroquia e a unha maior ausencia de servizos por vacacións, "non imos esperar a que pase unha desgraza". Esta tamén sinalou a falta de iniciativa por parte do Goberno local, asegurando que "se eles non alzan a voz e non defenden á veciñanza, teremos que facelo nós".

Tras poñer en común a problemática, o acto deu paso á presentación dun monumento realizado pola veciñanza que consiste nunha estructura artesá elaborada con madeira e ferro. Esta, que será ubicada na Praza de Abastos de Seixo, pretende reflectir a figura da cidadanía neste ano de unidade e sinerxia en defensa dos dereitos básicos dos veciños e veciñas do rural.

Os integrantes da Plataforma de Seixo tamén deron conta de dúas accións programadas para o mes de agosto: a colocación dunha mesa onde depositar as reclamacións e unha recollida de sinaturas para continuar os reclamos en defensa dos servizos.

Fin de semana grande en Seixo

As Festas de Seixo deron o pistoletazo de saída coa actuación do DJ Rubén a pasada noite, que amenizou e preparou á veciñanza para un fin de semana cheo de música e actividades. 

O sábado as actividades darán comezo ás 12 horas, xa que a Alameda da parroquia acollerá unha animación infantil adicada aos máis pequenos. A programación continuará pola noite, a partir das 22.30 horas, cando a Orquestra D’Noche se encargará de amenizar a verbena estival nunha noite moi animada para Seixo. Posteriormente terá lugar a realización dunha queimada popular, á cal todos os asistentes poderán levar postres caseiros para compartir coa veciñanza.

O domingo a partir das 12 horas terá lugar outra actividade infantil, esta vez da man da agrupación ‘Tarabelos’. Ás 12.30 horas unha animación musical a cargo dos Saljariteiros percorrerá as rúas de Seixo.

A fin de semana festiva finalizará na praza do mercado cunha actuación musical conxunta de La Banda do Leste e La Movida.

 

Comentarios