Seixo mergúllase no mar das mulleres

Educación ▶ O CEIP de Seixo acollerá ata o 31 de outubro a exposición Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar, unha iniciativa promovida pola Deputación de Pontevedra. Con ela, o colexio da parroquia marinense pretende visibilizar o labor feminino no ámbito marino a través de figuras que actuaron en prol da conservación de dito medio.
Unha das imaxes da exposición, que amosa a unha muller atadeira en Bueu no ano 1997. AFONSO FERNÁNDEZ
photo_camera Unha das imaxes da exposición, que amosa a unha muller atadeira en Bueu no ano 1997. AFONSO FERNÁNDEZ

Arte, sustentabilidade marina e empoderamento feminino. Estes son os tres piares que fundamentan a exposición que dende este xoves acolle o CEIP Seixo, unha mostra titulada Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar. Trátase dun proxecto promovido pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo que a directiva da Anpa do centro marinense decidiu incluír nas actividades do programa "Seixo coeduca".

O obxectivo principal da exposición pasa por dar visibilidade ao papel feminino no ámbito marítimo. Por este motivo, a mostra está composta por vídeos, imaxes, entrevistas e documentación recollida por toda a xeografía galega, dando voz a mulleres que teñen o mar como modo de vida.

Nos elementos expostos pódense atopar imaxes de redeiras, mariscadoras, vendedoras de peixe, mulleres salgando e conservando, entre outras profesións. A mostra tamén dá cabida ás figuras de científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a exdirectora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández.

A outra cara deste proxecto é a posta en valor das achegas destas mulleres no fomento dun desenvolvemento sustentable e a posta en marcha de actuacións para conservar os nosos mares. Así, esta exposición pon o foco naquelas figuras femininas que, tanto en tempos pasados como na actualidade, puxeron en marcha tarefas determinantes no uso dos recursos mariños de xeito responsable, accións que permiten garantir o futuro deste medio.

O director do CEIP de Seixo, Cayetano Tamaño, mostrouse orgulloso de poder contar con esta mostra para completar a educación do alumnado deste curso. Aínda que admite que nun principio "temía que o material non fose adecuado", Tamaño considera que dende o centro "poderase sacar moito partido a este recurso, xa que conta cunha temática que encaixa perfectamente co programa formativo deste ano".

A actividade, que conflúe o carácter visual coa intención didáctica, tamén puxo a disposición do colexio un maletín con diferentes traballos para que o profesorado continúe co labor de aprendizaxe na materia durante as horas lectivas. Entre estes inclúense obradoiros nos que o alumnado deberá desenvolver tarefas de documentación, busca e análise de información relacionadas coa temática do proxecto.

Aberta
Tamén dispoñible para as familias
Segundo explicou o director do centro, Cayetano Tamaño, Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar non será unha actividade adicada en exclusiva ao alumnado. A partir do próximo luns, día 10 de outubro, e ata que finalice o mes, a mostra estará aberta tamén para as familias, que poderán visitar a exposición en horario de tarde, dende as 16.30 horas ata as 17.30 horas. Esta é unha forma de aumentar a difusión do proxecto, que pretende visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres de mar no uso responsable de dito medio.

Comentarios