Os setenta Maios do Ateneo Santa Cecilia

En 1953, o Ateneo Santa Cecilia de Marín colleu as rendas da celebración do concurso de Maios e Embarcación, que hoxe regresa á Praza do Reloxo con once grupos. Con motivo do 70 aniversario, o Ateneo organizou unha exposición fotográfica
undefined
photo_camera O presidente do Ateneo, Lois Dopazo, cos agasallos de recoñecemento que se entregarán este luns. APP

"Se xuntamos as coplas que se cantaron nos Maios dende 1953, poderíase chegar a coñecer a historia de Marín nos últimos 70 anos á perfección". O Ateneo Santa Cecilia foi –e é– testemuña desa longa historia, xa que este ano se cumpren 70 anos dende que a entidade colleu as rendas da celebración do tradicional concurso de Maios e Embarcacións, común a diferentes puntos da comunidade galega, pero que en Marín non perdeu a súa esencia.

É por iso que para lembrar os inicios desta tradición, o Ateneo acolleu estes días unha exposición fotográfica sobre os primerios anos deste certame, así como dalgunhas das coplas que se entonaban xa entón na Praza do Reloxo. A mostra está composta de case unha trintena de imaxes, que forman parte do arquivo do Ateneo.

"En Marín sempre houbo Maios. Pero non había concurso. Os nenos saían ás rúas e cantábanlle á xente nas portas das súas casas a cambio dun aguinaldo", conta o presidente actual do Ateneo Santa Cecilia, Lois Dopazo. Desa época existen rexistros desde comezos do século XX e incluso tamén da Guerra Civil. Non foi ata 1953 cando o Ateneo, a través de Manuel Torres e outras personalidades do momento, se puxo en marcha o certame.

Ao igual que os Maios, un rito relacionado coa abundancia das colleitas, en Marín tamén existiu sempre a tradición das Embarcacións, que consiste en realizar unha maqueta dun barco pesqueiro. "Antigamente facíase de barcos reais da flota de Marín", puntualizou Dopazo.

Con respecto ás coplas, que algunhas delas se poden ver na exposición, todas tiñan que pasar a censura e conseguir visado a través do Ministerio de Información e Turismo. Naquela época, xa as temáticas falaban de feminismo, de queixas veciñais do momento e tamén se usaba o galego. "Sempre foron cantadas polos rillotes, igual que agora, que é a forma de chamarlle aos rapaces", explica o presidente do Ateneo Santa Cecilia, que a día de hoxe continúa mantendo o criterio da forma de como se realizaban por aquel entón os Maios de Marín, con forma cónica e con coroa.

Hoxe

Este ano, participan no concurso de Maios e Embarcacións, que terá lugar ás 17.00 horas na Praza do Reloxo, once grupos, sete deles con maios e catro con barcos. Antes, á mañá, os participantes daranse cita na Alameda para organizar a tradicional exposición a partir das 12.00 horas.

Os grupos optan a tres premios por categoría de construción, coroa, letra e interpretación, para os maios e construcción, letra e interpretación, para os barcos. Ademais do premio económico, repartirase rosca e chocolate.

Comentarios