Un sofá para contemplar a ría e reclamar o mantemento do Monte Pituco

O colectivo en defensa deste espazo denuncia o aspecto descoidado que presenta esta arboreda

Sillón colocado no Monte Vituco. ASOCIACIÓN MONTE PITUCO
photo_camera Sillón colocado no Monte Vituco. ASOCIACIÓN MONTE PITUCO

A Asociación Monte Pituco demanda "medidas urxentes" para a mellora e o mantemento desta arboreda que, segundo denuncia o colectivo, "presenta un aspecto descoidado malia ser o punto de encontro de rutas de sendeirismo, de familias que a utilizan como merendeiro e da veciñanza que se reúne nela e dálle unha importante función social".

O colectivo aproveitou a aparición dun sofá no monte –que "ofrece repouso e comodidade a quen desexe contemplar as vistas da ría e da illa de Tambo" e que foi colocado por algúen alleo á asociación– para volver reivindicar actuacións para o coidado da zona ao Concello de Marín e á Comunidade de Montes de San Xián.

Entre as demandas que realiza a asociación atópase a construción dun "valado perimetral que evite caídas accidentais polo desnivel do terreo" e o mantemento e limpeza da contorna para evitar o "desprendemento dalgunhas pólas das árbores danadas polos últimos temporais". Tamén denuncian "os desperfectos nos bancos de pedra provocados por actos de vandalismo e o feísmo que representan uns antiestéticos surtidores de auga, feitos de formigón, que ademais están desprovistos de billas".

Na última época a asociación detectou ademais un verquido de terra con "numerosos restos de plásticos, anacos de entullo e outros residuos".

Comentarios