viernes. 19.07.2019 |
El tiempo
viernes. 19.07.2019
El tiempo

Soldados de sal e morriña

Os lazos de Marín con Euskadi na Guerra Civil ▶O investigador Celso Milleiro presenta este venres na Casa da Cultura de Seixo (20.30 horas) parte das máis de cen historias dos mariñeiros de Marín emigrados en Pasaia que loitaron pola República durante o conflito

Cando o investigador marinense Celso Milleiro visitou este verán as terras de Euskadi, non contaba con vivir a casualidade de atoparse con tres antigos veciños de Loira, que se achegaron a el ao escoitalo falar galego. Cando se di de Pasaia, e máis concretamente do barrio de Trintxerpe, que é a quinta provincia galega non é sen motivo. No momento no que estoupou a Guerra Civil que desangrou o país, había rexistrados preto de 4.000 galegos nesta localidade situada na costa oriental de Gipuzkoa e moitos deles, por unha serie de acontecementos previos que tiveron lugar no mundo da pesca, eran de Marín.

Milleiro iniciou hai dous anos unha investigación sobre os marinenses que, estando en Euskadi, ocuparon as filas do bando republicano durante o conflito bélico, e que presentará este venres no Casa da Cultura de Seixo, ás 20.30 horas, invitado pola Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica da vila. O investigador ten contabilizados a cen mariñeiros que foron soldados, "aínda que non é uha cifra pechada, pois hai moitas listas de batallóns que se perderon".

Amable Miranda Caeiro. CEDIDA
Amable Miranda Caeiro. CEDIDA
 

Segundo explica o estudoso, o xermolo desa comunidade de morracenses en Pasaia atópase na Primeira Guerra Mundial. Francia precisa aumentar a súa flota de barcos para ter vixiadas as súas costas. Galicia é, naquel momento, unha das principais rexións nas que o país galo compra as naves, pero os armadores tratan de sacarlle máis rendemento ao negocio, aumentado o seu custo. Por outro lado, a pesca empeza a despuntar xa non só na costa galega, senón tamén en Portugal, Donosti ou Sevilla. Coa competencia en auxe, o tecido pesqueiro galego entra en crise e moitos mariñeiros deciden emigrar en busca dun futuro máis prometedor que o paro de longa duración ao que parecían estar condenados aquí. "Gran parte deles marchan para EE UU", explica Milleiro, "pero outros van a Donosti, onde se practicaba a pesca de arrastre", unha arte moi controlada polos galegos e na que facía falta moita man de obra.

Chegado o ano 27, instálase en Pasaia a empresa Pescaderías y Secado de Bacalao en España (Pysbe), "o que supuxo un auténtico boom na pesca". Moitos dos emigrados a América viron unha oportunidade para volver a España e estar máis preto do seu fogar. Pero, xusto no momento no que o horizonte laboral parecía esbozar unhas expectativas prometedoras, empezou a guerra na que perecerían algúns veciños de Marín cuxa historia aínda empeza a ser estudada e reivindicada hoxe.

Gerardo Lobeira. CEDIDA
Gerardo Lobeira. CEDIDA
 

OS NOMES, AS VOCES. É o caso de Jesús Carballo Quiroga, natural de Loira, que foi un dos cen marinenses que defenderon a República desde Pasaia. Deixou como legado unhas memorias que, aínda que non están publicadas por desexo expreso familia, si que puideron ser consultadas por Celso Milleiro. "É impresionante todo o que conta, desde o seus primeiros anos de vida, de como se vivía en Loira nos anos 20, ata súa etapa en Pasaia, na guerra...".

O dos irmáns Lobeira é un capítulo da historia de Marín que ben merece ser contado á parte. Un conseguiu sobrevivir no exilio, pero outros catro pereceron durante a guerra. "Un deles marchou a Francia cando o bando sublevado chegou a Euskadi. Outro foi apreixado e o último, Gerardo, foi o que tivo unha vida máis interesante", conta o investigador, que ten unha relación especial con este mariñeiro polo que lle pasou tras publicar un artigo sobre a súa vida hai uns anos neste mesmo xornal. "Dous anos máis tarde da súa publicación chegoume unha mensaxe dunha das súas netas, dicíndome que non souberan nada do seu avó ata ese momento e que súa nai, filla de Gerardo, morrera sen saber que fora del".

Jesús Carballo Quiroga. CEDIDA
Jesús Carballo Quiroga. CEDIDA
 

Gerardo acabou en Francia, onde o meteron nun campo de concentración. Cando estoupa a Segunda Guerra Mundial, únese á Resistencia Francesa e participa nalgunhas accións de liberación de republicanos presos en cárceres deste país. "Na última que fixo, no 44, liberaron a 20 presos, pero morreu no transcurso", explica Milleiro. No lugar no que ocorreron os feitos hai unha placa que honra a súa xesta.

Conta tamén o investigador que houbo algúns que trataron de pasarse ao bando republicano. Moitos marinenses conseguírono, mais outros, como Amable Miranda, foron vítimas das traizóns ,que estaban á orde do día. Miranda, veciño de Montecelo, estaba en Álava cando falou con outro de Marín sobre as súas intencións de ir ás filas republicanas. O de Ardán delatouno e acabou fusilado. Paulino Couso, que aínda reside na vila e que foi compañeiro do Exército de Miranda, lembrou para Milleiro que, cando lle acabou de contar ao pai do falecido como morrera seu fillo "deulle un síncope e faleceu el tamén".

José Rodríguez Costas. CEDIDA
José Rodríguez Costas. CEDIDA
 

Estes e outros nomes foron rescatados por Milleiro nesta investigación, "que aínda está moi verde", a raíz de lelos no proxecto que impulsou a USC chamado Nomes e voces, unha das máis ambiciosas iniciativas no eido da memoria histórica. Despois da charla, Milleiro ten pensado seguir poñéndolle voz a eses nomes tras os que se esconde o drama dunha historia que estivo ata agora condenada ao esquecemento. Así, esta temática ocupará un dos tomos da colección Memorias de sal e terra, da que xa publicou un sobre a educación na vila marinense.

Soldados de sal e morriña
Comentarios