Domingo. 18.11.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.11.2018
El tiempo

O Son de Marín comeza este xoves con música galega e arxentina

Presentación do Son de Marín 2018. A.M.
Presentación do Son de Marín 2018. A.M.

O primeiro evento terá lugar a partir das 21.00 horas en Seixo. A Alameda acollerá este venres o festival Marín Canta cos Saljariteiros

O Festival Son de Marín encherá de música a vila desde este xoves ata o sábado. O evento, que foi presentado este mércores pola tarde na Alameda, e está organizado polo Concello de Marín e Dibay, coa colaboración de varios colectivos, inclúe un certame musical que terá lugar este xoves pola noite, a partir das 21.30 horas, na praza da Casa da Cultura de Seixo que, baixo o título de Son de Marín-Son de Bos Aires ofrecerá a todos os asistentes música galega e arxentina.

O relevo recollerao este venres a segunda edición do Marín Canta cos Saljariteiros, previsto para as 21.30 horas na Alameda Rosalía de Castro, repetindo un formato similar ao do ano pasado e engadindo, ao remate, unha foliada.

O evento xa xuntou na primeira edición a centos de personas para interpretar conxuntamente co grupo de cantos de taberna, cancións tradicionais e populares, ademais de servir como véspera ao gran día da música na vila en homenaxe a John Balán.

"O obxectivo é reunir á xente na Alameda cantando xuntas unha serie de pezas tradicionais e populares, na súa inmensa maioría xa coñecidas polo público, ao son do ritmo da nosa agrupación", indicou o responsable do grupo de cantos de taberna Os Saljariteiros, Benito Salgado Delgado.

LIBRIÑOS. Para que todo estea a punto para conseguir esta meta, a organización repartirá en papel o cancioneiro que se vai interpretar, de xeito que sexa doado seguir cada unha das máis de 20 pezas seleccionadas para a ocasión, ás que se poderán sumar algunhas outras, no seu caso, por petición do público.

A pretensión é que o Marín Canta cos Saljariteiros sexa unha expresión cultural e musical colectiva, no que todos os veciños interesados formen parte do evento desde dentro. Para comodidade dos asistentes, tamén haberá sillas para seguir a actuación e participar, e a duración do festival non está estimada con exactitude, xa que vai depender da fluidez con que se desenvolva, da implicación do público e de que aínda se poidan engadir máis temas ao cancioneiro seleccionado inicialmente.

Os responsables de levar a cabo o evento convidan a todos os veciños, e tamén á xente de vilas próximas e non tanto, que se queiran achegar a participar e gozar cunha actividade festiva diferente pero que ten moito das raíces populares tanto de Marín como de numerosos pobos mariñeiros. Diversos grupos xa anunciaron a súa asistencia para contribuir a exaltar o certame.

A música será a gran protagonista destes días, con actividades e estilos ben diferentes, pero coa finalidade última de homenaxear ao popular John Balán, un artista que deixou unha fonda pegada non só en Marín, a súa vila natal, senón tamén a nivel galego e incluso nacional e internacional.

O Son de Marín comeza este xoves con música galega e arxentina
Comentarios