O Son de Marín volverá a encher de música e artistas todos os recunchos da vila

A décima edición do festival porá en marcha dende hoxe tres xornadas que contarán con máis de veinte actuacións en vivo
Unha das actuacións da edición pasada de Son de Marín. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha das actuacións da edición pasada de Son de Marín. RAFA FARIÑA

Un ano máis, a música invadirá a partir de hoxe as rúas e prazas do municipio cunha nova edición do xa consolidado Son de Marín. Sumando dez anos de traxectoria, dito festival achegará aos veciños e veciñas da localidade tres días cargados con máis dunha veintena de actuacións en vivo ofrecidas por artistas e agrupacións que buscarán poñer en valor a importancia da música en todos os seus estilos.

A actividade desta primeira xornada deu comezo este xoves ao mediodía coa celebración dunha ofrenda floral ás 12 horas. Esta terá lugar no cemiterio de Santo tomé de Piñeiro en memoria do veciño John Balan e contará co acompañamento musical do grupo Os de Marín. Xa ás 21.30 horas, o evento se desprazará á praza da Casa de Cultura da parroquia de Seixo, que acollerá unha actuación da man da agrupación Art&Maña.

A segunda xornada do festival chegará ao centro da localidade para celebrar un concerto dual na Alameda Rosalía de Castro. Este, que dará comezo ás 21.30 horas, contará coa participación de [email protected] e Big Band OT.

O día grande do evento, o sábado, arrancará pola mañá a partir das 11 horas con diferentes pasarrúas que percorrerán todo o municipio. O centro urbano contará coa amenización da Batucada Axé Bahía, mentres que o grupo Os de Marín realizará unha travesía que comezará na Praza de Abastos e rematará na rúa do Sol. Os chaneiros, pola súa parte, estarán presentes nas ríuas Ezequiel Massoni e Jaime Janer.

Ás 11.30 horas Gaiteiro Moderno estará na rúa Real, e partir das 12 Fentos e Frouma estarán na Banda do Río. Á mesma hora terán lugar as actuacións da Banda de Música, As Ferriñas e Airiños de San Xulián no Fondo do Saco, a praza do Museo Manuel Torres e a do Reloxo, respectivamente. A partir das 13 horas tocarán Mudland na praza 8 de marzo, Take 3 na praza da Capirota e Grupo Rever no Palco da Música.

Pola tarde, as actividades serán retomadas a partir das 20.30 horas, cando a Alameda Rosalía de Castro acollerá unha homenaxe ao artista John Balan. Neste acto, que estará presentado por Julio Santos Pena e Xosé Vilas Graña, realizarase unha mención especial aos músicos José Alfredo Sánchez Murcia e Juan Luis Costas Martínez por motivo da súa gran contribución á cultura marinense ao lomgo da súa traxectoria.

As actividades continuarán na Alameda de Marín, que volverá a ser o epicentro musical coa actuación ás 21.30 horas da Orquestra Cé Pantasma. Media hora despois, ás 22 horas, tamén dará comezo un concerto da man de Antonio Peixoto y su Armónica, que terá lugar na rúa Méndez Núñez.

O festival finalizará cun ciclo de actuacións en vivo ás 23 horas en diferentes puntos da vila. Así, a Banda Senlleira de Robacallos estará na rúa Ezequiel Massoni, os artistas Eva Pico, Lidia Aldao e Christian Fernández na rúa Serafín Tobío, os Breakin"s Bones na rúa Méndez Núñez e Ricardo Parada na Alameda marinense.

Comentarios