O SonRías Baixas de Bueu, aprazado ao verán de 2021

O rapeiro Kase.O. tocará en Bueu os días 5, 6 e 7 de agosto do próximo ano
Cartel anunciando o aprazamento do SonRías Baixas. DP
photo_camera Cartel anunciando o aprazamento do SonRías Baixas. DP

O SonRías Baixas non poderá celebrarse os días 30, 31 de xullo e 1 de agosto deste 2020, como estaba previsto debido a evolución da crise sanitaria "e a indefinición nas medidas que deben aplicar os festivais musicais na 'nova normalidade' para garantir a seguridade do público asistente, das e dos artistas e do resto das persoas que traballan nun evento destas características", explica a organización nun comunicado. A 18ª edición do festival de Bueu terá lugar os días 5, 6 e 7 de agosto de 2021.  

Aínda que non poden garantir que o programa de 2021 sexa idéntico ao previsto para a edición 2020, si está confirmado que Kase.O., un dos pratos fortes, tocará o próximo ano. "A maioría dos artistas que se anunciaran para esta edición están amosando a súa predisposición para adaptarse ao novo calendario", aseguran desde o equipo do SonRías. Sobre o que fora integrante dos míticos Violadores del Verso, afirman que "é unha icona do hip hop non comercial español dende hai máis de 20 anos".

A organización comunicou ás persoas que compraron a súa entrada para gozar coa música e a praia este verán de 2020 que valerán para o SonRías Baixas 2021 e que as persoas que decidan conservalas recibirán unha pequena compensación, pola súa fidelidade e confianza. “E é que”, explícanlle dende o SonRías Baixas ao seu público, “se conservades a vosa entrada, axudádesnos a sobrepornos nun momento de gran dificultade e dádesnos forzas para seguir soñando para vós tres días e tres noites inesquecibles de música, praia e sorrisos”.

As entradas compradas valerán para o SonRías Baixas 2021, pero as persoas que non queiran conservalas poden solicitar o reembolso antes do luns 8 de xuño ás 23:59 horas 

Para as persoas que queiran axudar a organización do festival e conservar a súa entrada pero non saiban seguro se poderán asistir ao festival nas novas datas, habilitarase a opción de cambio de nome un par de meses antes do SonRías Baixas 2021, coa opción de cedela ou regalala a outra persoa. 

As persoas que non queiran ou non poidan conservar os seus tickets, poden solicitar o reembolso íntegro do importe seguindo as instruccións que lles chegaron á dirección de correo-e empregada no momento de comprar a entrada, antes do luns 8 de xuño ás 23:59 horas. Unha vez finalizado o prazo de solicitude, a organización comezará co reembolso dos cartos, que non deberá demorarse máis de cinco días. A información está recollida na web do SonRías Baixas e o correo de consulta é [email protected]

“Lamentamos moitísimo os inconvintes que esta situación vos poida causar”, asegura a organización do festival no comunicado, “pero a saúde do noso público, dos artistas e do resto das persoas que colaboran co festival é o máis importante para nós. Sodes a nosa familia. Traballamos todo o ano para poder compartir con vós tres días e tres noites de música, de praia e de amizade, o festival que a nós nos gustaría gozar como público. Non poder facelo este ano pártenos o corazón”. 

O SonRías Baixas congregou o pasado mes de agosto en Bueu a 22.065 persoas, xerando na comarca un impacto superior ao millón de euros, cunha ocupación hoteleira do 100% e cos establecementos da vila ateigados de festivaleiros e festivaleiras de toda Galicia e do resto do Estado.

Comentarios