O SonRías Baixas goza cos primeiros bailes do seu 20 aniversario

O festival bueués chegará este venres ao seu ecuador co recibimento duns dos máis esperados: o dúo de rap Natos y Waor
Un momento da primeira xornada do SonRías, este xoves. SONRÍAS (ROCÍO CIBES)
photo_camera Un momento da primeira xornada do SonRías, este xoves. SONRÍAS (ROCÍO CIBES)

O festival SonRías Baixas levantou este xoves o telón dos seus dous escenarios cunha primeira noite de concertos caracterizada polo eclecticismo musical. Ao recinto da Estacada de Bueu chegou este xoves o público que faltaba, quen se encargou de estrear de forma oficial a 20ª edición do evento cun pistoletazo de saída que tivo a Lendakaris Muertos e a Santa Salut como grandes protagonistas.

As actuacións arrancaron no Escenario Fest Galicia co grupo de recente formación 30s40s50s, integrado por Bely Basarte, David Otero e Tato Latorre. E ao seu estilo noventeiro seguiulle o pop-punk dos anos 2000 de Samuraï, encargado de estrear o Escenario Turismo Rías Baixas.

Tras un concerto cheo de letras irónicas que combinaron humor e crítica social por parte de Lendakaris Muertos chegou outro veterano do SonRías, o grupo madrileño Boikot. A este seguiulle o hip-hop de Santa Salut na súa primeira visita ao festival bueués e, para pechar a noite, o público gozou do directo de ETS.

Máis concertos

A segunda xornada de festival chegará co dúo de rapeiros madrileños Natos y Waor como grandes cabeza de cartel deste 20 aniversario. Pero antes, aos escenarios do recinto da Estacada subiranse Queral Lahoz, La Ganga Calé, Lia Kali, Tremenda Jauría, Cool Nenas e Muyayo Rif.

O día grande celebrarase mañá sábado. A xornada, que coincidirá coa despedida ata o ano que vén do sonRías Baixas, comezará cunha sesión vermú a cargo de Lamatumba e, máis tarde, do dúo conformado por Ortiga e Pili Pampín.

Pola noite, o recinto da Estacada recibirá a nomes tan recoñecidos como Macaco, La Pegatina, Grande Amore, Arde Bogotá ou Ninhodelosrecaos, entre outros. O Escenario Turismo Rías Baixas, ademais, acollerá unha actuación sorpresa á unha da madrugada como guinda a esta especial edición do festival bueués.

Comentarios