SonRías Baixas volve coa zona de acampada e os dous escenarios

O festival anuncia unha sesión vermú con actuacións de dous novos artistas
Acto de presentación do Festival SonRías Baixas. SC
photo_camera Acto de presentación do Festival SonRías Baixas. SC

Multitude de persoas pasarán polo Concello de Bueu entre o 4 e 6 de agosto para desfrutar da súa oferta turística, gastronómica, cultural e musical da man do Festival SonRías Baixas, cuxas entradas seguen dispoñibles, e que volve ao grande para poñer no mapa a este municipio e á Comarca do Morrazo tras dous anos complicados pola situación sanitaria.

Durante tres días o festival contará con actuacións de artistas de renome tanto a nivel autonómico como nacional, entre eles Rels B, Kase.O, Delaporte ou Tanxugueiras, e dará tamén espazo a gran cantidade de artistas emerxentes. Ademais na presentación do SonRías celebrada este mércores no peirao da Praia de Beluso, PlayPlan, a produtora que organiza o evento anunciou a volta da zona de acampada e a instalación de dous escenarios, ademais de engadir por sorpresa unha sesión vermú o sábado 6 ao medidodía na que actuarán dous novos artistas, Grande Amore e La Duendeneta.

Nesta acto estiveron presentes parte do equipo encargado de dirixir este festival, Jordi Lauren e Berta Domínguez e representantes das administracións colaboradoras como o director da Axencia Galega de Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil; o concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal, e a deputada provincial de Turismo da Deputación de Pontevedra, Ana Laura Iglesias. Nun acto no que todos destacaron a grande ilusión de poder recuperar as condicións de anos anteriores a pandemia.

Dende o equipo encargado de xestionar e coordinar o SonRías, destacaron o seu papel como festival urbano de referencia para aqueles que van por primera vez a un festival e comentaron que o perfil de idade que máis aposta por este evento se atopa entre os 18 e os 19 anos, aínda que coa súa variada oferta musical buscan atraer a todo tipo de persoas. Algo que vai ligado á importancia da seguridade no seu recinto, deste modo e para resaltar tamén o seu compromiso coa igualdade de xénero, durante os tres días habilitarase un stand da Deputación de Pontevedra chamado "Eu decido, ti respectas".

Outro dos puntos tratados nesta presentación foi a participación do festival no Pacto Cultura Sustentable e no Greentour, un proxecto europeo que busca realizar un turismo de maneira respectuosa co medioambiente, algo que potenciarán coa súa xestión de residuos e o fomento da reciclaxe. SonRías destaca tamén o seu compromiso co sector turístico e económico da zona e traballará estreitamente cos negocios locais para continuar xerando beneficios e potenciar o ocio no municipio, xa sexan as súas praias ou a súa gastronomía.

Deste modo o festival busca recuperar antigas sensacións e seguir medrando tanto da man das institucións, como dos veciños do Concello de Bueu e dos visitantes que ano tras ano apostan por SonRías Baixas.

Comentarios