As supermulleres do Morrazo

A Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama do Morrazo adica o seu calendario do vindeiro ano ás superheroinas da comarca ► As protagonistas son 12 mulleres, todas diagnosticadas, que deixaron os seus corpos nas mans da artista Laura Lago, para que lles practicase un ‘body paint’ que as traladase ao mundo do cómic

Mad Moxxi, protagonista do mes de decembro. DP
photo_camera Mad Moxxi, protagonista do mes de decembro. DP

Sen complexos e como verdadeiras superheroínas. Así posaron as mulleres diagnosticadas de cancro de mama para o calendario de 2019 da Adicam (Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama do Morrazo). Os seus corpos pintados volvéronse aínda máis belos e trasladáronnos ao mundo da banda deseñada. Deses cómics que tanto nos gustaban de cativas, que tanto nos atraían polos superpoderes das súas protagonistas e tamén, polos seus finais, nos que sempre gañaban as boas.

E estas mulleres tamén son exemplo dunha loita que deben gañar as persoas, unha loita contra unha enfermidade á que hai que facerlle fronte, á que non podemos deixar avanzar e á que hai que enfrontarse de cara.

As protagonistas deste calendario do ano 2019 son doce mulleres diagnosticadas de cancro de mama que puxeron os seus corpos na man da artista Laura Lago. A través do 'body paint', Lago transformounas nunhas superheroínas de banda deseñada que ben poderían salvar o mundo de calquera ser monstruoso, porque loitando non hai quen lles faga fronte.

A fotografía e a montaxe, pola súa banda, son obra de Dani Marcos, que co obxectivo da súa cámara soubo captar toda a grandeza e poderío destas mulleres. E tamén as súas ganas de vivir, a súa picaresca e o desexo dunha longa vida.

Os calendarios xa están á venda na sede de Adicam (Casa da Bola en Cangas e Casa Azul en Pontevedra) e nos puntos de venda habituais

Esta espectacular aposta de Adicam, transformando a mulleres en personaxes fantásticas cargadas de valentía e de extraordinarios poderes, chega "porque pensamos que todas as mulleres somos superheroínas. As que son nais e as que non o son ,as que traballan na casa e as que traballan fóra, as avoas e as máis noviñas", relatan dende o colectivo.

UN MUNDO QUE SALVAR. Consideran que todas as mulleres teñen un mundo que salvar e un mundo polo que loitar e, aínda que a algunhas "lles toca enfrontarse con muros máis altos e pode ser que a algunhas lles custe máis derrubalos" ao final todas e cada unha delas resultan ser as superheroínas das súas vidas.

Dende a asociación relatan que dentro do seu colectivo hai moitos tipos de heroínas, cada unha cos seus superpoderes e coa súa maxia. "Temos algunhas fortes e valentes como a "Muller América" e outras máis tenaces e sensibles como Frida Kahlo. Pero así é Adicam, unha asociación formada por un gran número de mulleres que aportan á sociedade positivismo e ganas de seguir adiante", indican ao falar deste calendario do vindeiro ano.

EN POSITIVO. Ese positivismo do que falan en Adicam tamén llo transmiten directamente a todas as asociadas, pois consideran que cando unha muller diagnosticada de cancro chora, dubida do camiño que tomar ou cando pensa que o seu corpo xa non vai aguantar máis, "seguen sendo superheroínas". Porque elas, as supermulleres dos cómics que dispoñen de grandes poderes para salvar o mundo, "elas tamén senten moitas veces que o chan se funde baixo os seus pés e aínda así, seguen sendo grandes como todas nos".

Os calendarios xa están á venda na sede de Adicam (Casa da Bola en Cangas e Casa Azul en Pontevedra) e nos puntos de venda habituais. Pode adquirise en dous tamaños: o de sobremesa custa catro euros e o de parede seis. ¿Vas quedar sen el?

Comentarios