As terrazas das zonas portuarias quedarán exentas do pago de taxas

Os locais con veladores ao aire libre non terán que pagar o correspondete ao período entre o 14 de marzo e o 11 de maio. O bar do Porto de Marín verase beneficiado desta medida
Unha visual da Autoridade Portuaria de Marín. GONZALO GARCÍA
photo_camera Unha visual da Autoridade Portuaria de Marín. GONZALO GARCÍA

Os propietarios dos negocios de hostalería con terraza ao aire libre en espazos portuarios quedarán exentos do pago das taxas correspondentes ao período entre o 14 de marzo e o 11 de maio, toda vez que non se ten producido o feito impoñible debido ás restricións de actividade motivadas pola crise sanitaria da covid-19. A Autoridade Porturaria de Marín verase beneficiada desta medida por a localización dun bar nas súas inmediacións. A medida vén de ser aprobada por resolución da presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e trasladada ao consello de administración do ente público na súa última reunión.

Susana Lenguas explicou que Portos de Galicia comparte a preocupación do conxunto dos sectores portuarios e administrados ante a repercusión económica da crise sanitaria provocada pola covid-19. "O ente público actuou de xeito inmediato unha vez decretado o estado de alarma a través da posta en marcha de medidas de aplicación inmediata que entendemos que están xa a aliviar en certa medida as dificultades actuais dos usuarios que operan nos nosos portos e poderán facilitar a reactivación da actividade económica", expuxo.

"Entre estas medidas –engadiu Susana Lenguas– figura a decisión de adiar a emisión de todas as taxas portuarias posteriores ao 13 de marzo ata dous meses despois de terse levantado o estado de alarma". Deste xeito, Portos de Galicia contribúe a facilitar liquidez aos usuarios portuarios, toda vez que a data de hoxe seguen sen emitirse liquidacións dos impostos xerados durante os meses de marzo, abril e maio. Á vista dos prazos coñecidos na actualidade, a previsión de emisión dos primeiros recibos non será antes do mes de agosto.

A maiores destas medidas de carácter inmediato, o ente público estudou nas pasadas semanas outras alternativas encamiñadas a paliar a afectación económica aos usuarios dos portos desta crise sanitaria. Neste marco xurídico, a presidenta do ente público aprobou a resolución que exime do pago das taxas no período de confinamento aos establecementos hostaleiros.

Polo que corresponde ao período posterior ao 11 de maio, a presidenta explicou que se tomarán medidas excepcionais de xeito individualizado.

Comentarios