The Skarnivals publica o videoclip de 'Anhelos no ar’ polo Día mundial do Alzhéimer

A banda bueuesa tamén puxo á venda unha camiseta inspirada no tema, e os fondos que se recauden destinaranse á asociación Fagal

The Skarnivals. DP
photo_camera The Skarnivals. DP

A banda natural de Bueu The Skarnivals conmemorou este xoves o Día mundial do Alzhéimer coa publicación dun novo videoclip do tema Anhelos no ar, cuxa letra fala desta enfermidade dexenerativa. A peza conta a historia dun home maior que reúne fotografías da súa vida nun álbum de recordos a medida que repasa vivencias coa súa neta. 

Esta acción,ademais, veu acompañada da posta á venda dunha camiseta solidaria, que dende onte pódese mercar a través da propia páxina web do grupo na sección Merchandising. Esta peza de roupa conmemorativa ten un prezo de 18 euros. 

Dende a banda anunciaron que todos os fondos que se recauden nas vendas irán destinados á Federación de Asociaciones Gallegas de Familiares de Enfermos de Alzhéimer y Otras Demencias (Fagal), unha entidade sen ánimo de lucro composta por 15 asociacións galegas de alzhéimer que suman máis de 5.000 familias.

En canto ao deseño escollido, pola parte dianteira a camiseta amosa un pequeno debuxo da folla dun carballo, que funciona como símbolo de cada un deses recordos que as persoas que padecen esta enfermidade van perdendo co paso do tempo -unha metáfora que fai referencia á caída das follas das árbores en outono-. 

Pola parte traseira, a camiseta leva escrita por toda a espalda unha das frases da canción conmemorativa: "Son, fun, serán e serei, non polo que sei, polo que ti sabes que somos. E hasme cantar outra vez, a través destes ollos que fraguan anhelos no ar...". Algunhas palabras deste verso aparecen borrosas, o que supón unha nova alusión a eses recordos  que cada vez son menos nítidos para aqueles que padecen alzhéimer.

A canción Anhelos no ar forma parte de Latexos, o disco publicado por The Skarnivals o pasado mes de xaneiro e que conta con nove temas. Na actualidade, o grupo está composto por Kome (voz), Adriá (guitarra), Alexandre (guitarra), Chavete (trompeta), Héctor (trombón), Javi Chanke (batería), Txelas (gaita) e Ziku (bajo).

Comentarios