The Skarnivals volven later

▶ Sete anos despois do seu último traballo, a banda de ska punk do Morrazo saca un novo álbum,
‘Latexos’, co que iniciará unha xira galega no Aturuxo
Imaxe promocional de The Skarnivals. DP
photo_camera Imaxe promocional de The Skarnivals. DP

The Skarnivals seguen máis vivos ca nunca. Esa é a mensaxe que dende a banda de ska punk do Morrazo queren transmitir aos seus fans e seguidores coa publicación de Latexos (Galunk Producións), o seu novo disco, que chega sete anos despois do lanzamento do seu último traballo. O disco, cargado de forza e enerxías renovadas, marca o comezo dunha nova etapa da banda. Xunto co álbum publican tamén o último sinxelo de presentación, ‘Latexo’, ambos xa dispoñibles en todas as plataformas dixitais (YouTube, Spotify, iTunes, Amazon Music).

A pesar de que o seu último traballo saíu á luz hai sete anos, The Skarnivals levaba catro anos inactivo. "A covid fixo que cancelaramos todos os plans que tiñamos", conta Kome, o vocalista da banda. A situación da pandemia, a distancia e outros temas persoais condicionaron por completo que The Skarnivals continuase ofrecendo á mellor música nos escenarios, pero, despois de tres anos de traballo neste último disco, "estamos moi felices de volver aos escenario e, ademais, de facelo todos xuntos".

Co seu regreso, tamén volven os concertos. E é que con Latexos, esta banda do Morrazo anunciou o inicio dunha xira galega, coa sala Aturuxo de Bueu (4 de febreiro) como primeira parada. "O ‘Atu’ é tradición. Foi das primeiras salas nas que comezamos e por iso sempre intentamos comezar e rematar aí as xiras. Por ese motivo é dobremente simbólico e nos estamos dobremente felices", anota o vocalista.

Tamén teñen datas confirmadas en A Coruña (Sala Filomatic, 11 de febreiro), Ourense (Sala Auriense, 25 de marzo) e Santiago de Compostela (Sala Moon, 20 de maio), aínda que "quedan datas por confirmar e novos concertos".

Latexos

O novo proxecto discográfico da banda morracense está composto por nove temas -ou nove latexos- que fusionan diferentes estilos pero sempre co seu ska punk folk tan característico. "Este novo traballo segue a estela dos anteriores. Escribimos coma sempre temas reivindicativos e nos que tamén falamos das nosas raíces e de momentos históricos que non se poden esquecer", relata Kome.

Con respecto ao nome do álbum, o vocalista da banda explica que "é unha alegoría. Despois de tanto tempo sen que saíran as cousas á luz como queriamos, cada pasiño que dabamos no proxecto era un latexo que nos facía seguir vivos".

Ademais dos seus propios temas, neste novo álbum, The Skarnivals colaborou con outros artistas como García MC en Latexo, e Juankar, cantante e baixista de Boikot, no tema Volveríame a erguer.

Comentarios