'Tiktokers' promocionan o certame Mergullándonos no galego

O Concello de Bueu conta co apoio de influencers desta rede social como Iris Gestoso, Olaxonmario, Pablo Meixe, María Rúa ou Sara Seco
Sara Seco e María Rúa. DP
photo_camera Sara Seco e María Rúa. DP

No marco da aposta polas políticas de promoción da lingua galega, o Concello de Bueu promove esta fin de semana as xornadas Bueu e a fala: o galego 3.0, que se organizan grazas ao apoio económico da Xunta e da Deputación de Pontevedra. Con elas, preténsede ofrecer unha reflexión arredor do emprego do galego nas redes sociais e nos novos medios. O programa estenderase dende o venres 7 de outubro ao domingo 9 e constará de charlas, presentacións de proxectos, exposicións, mesas redondas e, o máis novidoso, o 1º Certame Mergullándonos no TikTok.

É por iso que o Concello de Bueu, ademais de crear unha conta de Tik Tok, decidiu apostar polos influencers galegos máis destacados nesta rede social para promocionar o certame e así animar á xente nova a participar. Seguindo o seu propio estilo, tiktokers como a estradense Iris Gestoso, Olaxonmario, Pablo Meixe, María Rúa, Malva ou Sara Seco Rial participaron nesta iniciativa. Estas tres últimas formarán parte do xurado que decidirá os tres gañadores ou gañadoras.

O concurso ten como obxectivo aproveitar o crecemento da rede social TikTok entre a mocidade e ofrecer a oportunidade de que as persoas maiores de 18 anos creen un vídeo de temática libre en galego, para o que deberán etiquetar a @Concellodebueu co cancelo #SeVouATikTok. Dos vídeos presentados ata o venres ás 23.59 horas, o xurado decidirá tres gañadores ou gañadoras que se poderán facer cun "kit tiktoker", que se darán a coñecer na gala de premios do domingo pola tarde, como clausura das xornadas "Bueu e a fala: o galego 3.0".

O Centro Social do Mar acollerá eventos que poñerán a lingua galega en valor e reivindicarán a súa potencialidade para a creación de contidos diversos e variados. Así, o venres ás 17 horas, Marcos Maceira, falará do audiovisual galego e da campaña levada a cabo dende a Mesa pola Normalización Lingüística para acadar que a lingua galega estea presente nas plataformas de contidos audiovisuais online. A continuación desenvolverase unha mesa redonda na que participarán as persoas creadoras de tres experiencias exitosas na rede dende o galego, como GZ Música, Orgullo Galego e Xornal de Bueu.

A xornada do sábado estará destinada ao mundo dos videoxogos, que está collendo certo pulo na Galiza. O día comezará ás 11.00 horas cunha charla a mans do MUVI de Cangas.

Comentarios