XOSÉ ANTONIO TOURIÑÁN, HUMORISTA E ACTOR

"Empezamos a saber que temos que sacar peito por ser de Galicia"

Xosé Antonio Touriñán

As festas da Virxe do Porto traen este venres a Marín (Alameda, 21.00 horas) unha das figuras humorísticas máis destacadas de Galicia ►O galego recoñece que é incapaz de facer reconto de todos os personaxes que leva interpretando na súa carreira de facer rir á xente

Trae vostede a Marín a Manolo Lojo. Que nos vai contar este home?
Manolo Lojo é un personaxe que creei xa fai uns anos e gústame especialmente este tipo de xente porque non son gañadores, senón, máis ben, perdedores da vida. Manolo é un tipo peculiar, que vai contar a súa vida para demostrar que un pode estar mal nun momento pero hai que sorrir, porque todo pode ir a peor. Esa é a filosofía do espectáculo: os problemas e os paus que che pode dar a vida. A xente vai ver que os seus problemas non son nada ao lado dos deste home.

Prefire facer comedia en solitario ou en parella?
Sempre acompañado. Isto para min é como xogar. Eu gozo moito só, aínda que só nunca estás, porque o público tamén forma parte do espectáculo. Pero eu prefiro compartir sempre, ir por aí con amigos de actuación ou de xira. Tanto con Marcos Pereiro antes, como con Carlos Blanco agora. Prefiro o xogo en equipo.

Cantos personaxes leva interpretado ao longo da súa vida como humorista? Acórdase de todos?
Buah! Non! Creo que é imposible lembrarse de todos. Hai algúns que quedaron máis tempo, que funcionaron mellor e que se foron repetindo. A nai de todos os personaxes é Mucha. Mucha e Nucha son as nais de todo e grazas a elas estamos onde estamos. Pero estivo João Simões, Ricardo O Atropellado, Manolo e Concha, Os Gorrillas... Hai unha chea de personaxes tamén de teatro. Son moitos. Creo que non sería quen de contar agora todos os que fixemos.

A cal lle ten máis cariño?
A Mucha téñolle un cariño especial porque foi o primeiro. Estas señoras foron coas que comezamos a xogar a isto, coas que nos empezamos a divertir cando isto non era un traballo. E creo que lle debemos todo e o cariño especial é para ela.

Se puidese volver atrás, habería algún personaxe que non interpretaría?
Non. Non cambiaría nada. Nin personaxes nin cousas das que fixen en televisión. Houbo momentos nos que non o pasei ben e non me gustaba o que estaba facendo pero, aínda así, non cambiaría, porque eses momentos foron onde máis aprendín. Eses fallos, esas caídas, son necesarias para volver a erguerse.

Prefire as actuacións ao aire libre ou en espazos pechados?
Prefiro os teatros pola atención do público. Centrar a atención nun espazo aberto é máis complicado, porque hai cousas que te despistan e fan perder o fío. Para o público é moito máis agradecido o espazo pechado. Pero encántame facer espectáculos ao aire libre, porque pasan máis cousas e todo o que pasa fóra eu métoo no espectáculo e se pasan cousas divertidas tamén aportan.

Este ano tamén chegou o seu salto á ficción nacional a través de Fariña. Que supuxo para vostede esta oportunidade?
De entrada, cando soubemos do proxecto, todos os actores galegos queriamos estar en Fariña. E eu tamén. Fixéronme un gran regalo porque é un personaxe totalmente diferente do que fago habitualmente. E ademais de ser un salto, foi un abano de posibilidades. No noso oficio cantas máis cousas diferentes poidas facer, mellor. Facer a serie foi maxia e o resultado foi excepcional, temos que sentirnos moi orgullosos. En Galicia, o que me transmite a xente da rúa, é que hai un orgullo colectivo, un «que ben fixemos isto», como se fose entre todos. Orgullo de ver a actores galegos, do acento galego. Empezamos a saber que temos que sacar peito por ser de aquí.

Serviu tamén para recoñecer a valía dos actores galegos.
A valía dos actores xa estaba demostrada en Galicia, pero foi o éxito da serie o que fixo ver a nivel nacional que temos actores espectaculares que xa o eran antes de Fariña, como Carlos Blanco, Morris, Tristán Ulloa, Manuel Lourenzo... É como dar a coñecer a toda España que en Galicia hai unha pedazo canteira de actores.

Xurdiron novos proxectos a nivel nacional despois de Fariña?
Si. Agora estou en Madrid gravando unha serie e a semana que ven outra. Unha para Amazon e a outra para Movistar. Veñen, en parte por Fariña, pero tamén polo LandRober, por Mucha e Nucha e por toda a comedia que fago en Galicia.

Difícil estar en Madrid?
Difícil por estar lonxe da familia e porque todo é novo. En Galicia, en calquera proxecto, xa nos coñecemos todos. Aquí é xente nova e un idioma que eu usaba pouco. Pero estou moi contento e aprendendo moitas cousas.

Se tivese que escoller, quedaríase coa ficción ou co humor?
Quédome con todo. Non podería deixar ningunha cousa. Seguirei como estou facendo esta semana: gravando en Madrid pero o venres estou en Marín a facer un monólogo. No inverno seguirei gravando en Madrid pero as fins de semana estarei con Carlos Blanco e con Somos Criminais, seguirei tamén no LandRober. Non sei se o corpo me vai aguantar, pero para min, como me encanta o meu oficio, o bonito é poder facelo todo.

Soñaba de pequeno con facer rir á xente?
Soñaba con ser futbolista. Nunca pensei que faría o que estou facendo. O soño, en realidade, é o que me está pasando agora, estouno gozando moito porque creo que son moi afortunado, son un privilexiado por poder facer todo o que fago.