Unha traballadora queda atrapada entre pesadas bobinas de aceiro no Porto de Marín

foi evacuada ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia

Os bombeiros rescataron esta mañá a unha traballadora atrapada entre pesadas bobinas de aceiro no Porto de Marín.

Pouco antes das dez, o 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dos compañeiros desta operaria, que necesitou a axuda dos servizos de emerxencias para liberarse do peso de cinco bobinas de aceiro que lle impedían moverse.

As consecuencias do golpe foron as graves lesións que presentaba nunha man, polo que foi evacuada ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Ademais dos profesionais sanitarios, neste operativo participaron os Bombeiros do Morrazo e Pontevedra, así como os axentes da Policía Local e da Garda Civil e membros da Autoridade Portuaria.