A Centoleira: unha travesía centenaria nos fogóns

Negocio emblemático ▶O restaurante bueués vén de conseguir no Galicia Fórum Gastronómico o recoñecemento dos Premios Picadillo á traxectoria e á posta en valor da gastronomía galega. A historia deste local comeza e 1884 e hoxe é un dos máis lonxevos e recoñecidos polo seu produto na comunidade galega
Julio Estévez, este venres en A Centoleira. GONZALO GARCÍA
photo_camera Julio Estévez, este venres en A Centoleira. GONZALO GARCÍA

Comezou coma un atador de aparellos situado na zona de Beluso hai 138 anos e a día de hoxe é un dos restaurantes máis lonxevos e recoñecidos polo seu produto mariñeiro en Galicia. A Centoleira, en Bueu, vén de ser galardoado cos Premios Picadillo no Galicia Fórum Gastronómico, premios que enxalzan a traxectoria e o traballo que os profesionais realizan para poñer en valor a gastronomía galega.

Este local hostaleiro de Bueu está actualmente dirixido por Julio Estévez, pero toda a súa historia, tanto a do restaurante como a súa propia, comezou en 1884 da man dos seus bisavós, José Estévez Barreiro, natural de Beluso, e A Vasca. Os dous darían comezo a un longo camiño polo que pasarían tres xeracións máis e onde o mar que os viu nacer se convertería no principal protagonista. Para Estévez, a clave para manterse vivo durante tantos anos e chegar a ser máis que centenario é a creatividade. "Tamén o tesón e o sacrificio", di, consciente do importante que é saber hacia onde evolucionar.

"A nosa palabra é tradición. Encaixa moi ben no noso lema e na nosa historia. Dende hai anos a nosa frase é catro xeracións con sabor mariñeiro e tradición familiar", relata Julio Estévez, da cuarta xeración da familia e que está ao fronte de A Centoleira en solitario dende 2014. O porqué deste lema é ben sinxelo: "Todas as xeracións que pasaron por aquí somos da mesma familia e saímos do mar, que foi onde se asentaron os bisavós".


1884 Orixes nun atador de redes

A Centoleira (Bueu) - 1884 Orixes nun atador de redes

Os bisavós, José Estévez e A Vasca, adquiren na praia de Beluso un atador de aparellos, que acabaría converténdose nun refuxio para os mariñeiros.

1940 Un típico negocio ultramarinos

A Centoleira (Bueu) - 1940 Un típico negocio ultramarinos

Coa postguerra, comezáronse a distribuir aparellos e alimentos. Coa segunda xeración, o ultramarinos comezou a vivir a que foi a súa época dourada.

1965 Xorde La Vizcaína

A Centoleira (Bueu) - 1965 Xorde La Vizcaína

O boom do turismo levou aos pais de Julio Estévez, actual propietario, a fundar A Vizcaína, un hotel-restaurante no que tamén se celebraban bodas.


Precisamente os inicios do que agora se coñece como A Centoleira partiu dun simple atador de aparellos, nunha época na que a salazón de sardiña era próspera en Bueu. Co paso dos anos, a salazón perde folgos e chega con forza a industria conserveira. "Nesa época entraron en xogo os bisavós. Asociáronse con Salvador Massó e comezaron a explotar o polbo seco na Illa de Ons, que daquelas pertencia ao Marqués de Valladares", conta Estévez.

Do atador xurdiu unha taberna que servía de refuxio para os mariñeiros nos días que non se podía saír á mar. Logo comezou a distribuír no mesmo lugar aparellos e alimento, converténdose nunha especie de ultramarinos. Non foi ata a segunda xeración cando se comezou a vivir a época dourada da tenda. "Os meus avós foron os que puxeron os cimentos de todo, con patrimonio e capital. Traballaban moito co viño, co aceite e coa fariña, que durante a época da posguerra era un ben prezado".

En 1965, co boom do turismo, púxose en marcha La Vizcaína. "Era o apodo da miña bisavoa". O lugar funcionaba como hotel-restaurante, onde tamén se comezaron a celebrar banquetes de boda. "Aquí foi cando se empezou a revalorizar o marisco; era o que máis se comía nos casamentos", puntualiza o actual propietario.

Uns anos máis tarde, na década dos 80, cambióuselle o nome por o actual, nun intento de "galeguizar o nome e escapar do estigma que había hacia o Pais Vasco polo terrorismo". Tras un quorum familiar, o elixido foi A Centoleira, topónimo xeográfico da zona de Cabo de Udra. A día de hoxe, e dende entón, fai honra ao producto estrela do restaurante, a centola.

Trala morte dos seus país, entra en xogo a cuarta xeración, actualmente representada polo propio Julio Estévez. "A miña misión é intentar que A Vizcaína, como nós lle seguimos chamando na casa, siga brillando".


Menú. Do marisco ás empanadas
En máis de cen anos de historia son moitos os produtos e os pratos que representaron e representan na actualidade á Centoleira.

Como o seu propio nome indica, a centola é polo que é popularmente coñecido. Xa dende os anos 80 puxéronse de moda no local as cestas de mariscos e hoxe os packs vermellos, menús pechados e asequibles para que todo o mundo poida degustar o marisco da zona.

Tamén os pratos clásicos da avoa, Carmen A Bicha, que "primeiro foi panadeira e logo unha gran cociñeira". Grazas a ela, na actualidade mantéñense as súas receitas. A empanada de millo ou a empanada de mazá son algúns dos pratos máis solicitados.

A Centoleira, dentro do Círculo de Restaurantes Centenarios de España

Nos anos 80, A Centoleira comenzou a formar parte do Círculo de Restaurantes Centenarios de España, ao que tan só pertencían tres restaurantes galegos. Ademais do local bueués, tamén estaban Paz Nogueira (1840) e o Asesino, que pechou as súas portas nos anos 90.

Dentro deste círculo, levábanse a cabo encontros por toda España. Co peche de moitos restaurantes e as baixas dentro do propio círculo "comenzaron a deixar de facerse eses encontros. Agora había 15 anos que ninguén se acordaba de nós".

Por iso, para Julio Estévez é unha gran satisfacción o recoñecemento do Galicia Fórum Gastronómico. "Que se acorden en Galicia dos clásicos é algo que está moi ben. O Fórum, coma todos os eventos gastronómicos, está moi enfocado ás novidades, á xente nova, ás escolas… Pero este ano acordáronse dos de toda a vida".

Hoxe, xa suman 12 restaurantes centenarios en Galicia, entre os que se atopan, ademais de A Centoleira, Casa Ces (Poio, 1908) e Casa Inés (Cotobade, 1918). "Hai sitios máis humildes que ao mellor non son recoñecidos como restaurantes que están sempre no meollo da fama mediática, pero está moi ben que se lembren dos antigos", recoñece Julio Estévez.

Comentarios