Unanimidade en Bueu para esixir á Xunta a cobertura da praza de Pediatría

BNG, PP, PSOE e ACB-SON consideran "inadmisible" a situación actual

A Corporación apoia tamén a folga feminista do 8M. CEDIDA
photo_camera A Corporación apoia tamén a folga feminista do 8M. CEDIDA

Os grupos municipais da Corporación de Bueu (BNG, PP, PSOE e ACB-SON) aprobaron no Pleno do pasado luns unha moción conxunta para esixir ao Sergas a cobertura, de forma inmediata e definitiva, da segunda praza de Pediatría do Centro de Saúde da vila.

A proposta, consensuada nunha Xunta de Voceiros anterior, "pon de manifesto os antecedentes e o menoscabo da saúde da cidadanía buenense, dada a redución de servizos e a diminución da igualdade de oportunidades", indica o Goberno municipal.

Esta situación "complexa", tal e como indica o Concello, xerouse o pasado mes de novembro, cando se trasladou á segunda especialista pediátrica a outro ambulatorio, "deixando pois o de Bueu cunha soa que ten que facer fronte ao dobre de traballo (atención de máis de 50 pacientes diarios)", sinala.

Ante esta situación, e a efectos de informarse sobre o acontecido, o alcalde, Félix Juncal, e a concelleira de Sanidade de Bueu reuníronse o 15 de novembro do pasado ano co xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) Pontevedra-O Salnés, José Ramón Gómez Fernández. Nesta xuntanza, o xerente trasladoulle ao Goberno municipal que esta vacante formaría parte do próximo concurso de traslados e que podería convocarse antes do remate do ano, "algo que non se cumpriu", asegura o Concello.

Así mesmo, a sociedade local convocou unha marcha que se celebrou o pasado 16 de decembro para manifestarse por esta problemática e polas longas listas de agarda para a atención pediátrica, na que participaron máis de 400 persoas.

Continuando coas protestas, o 15 de xaneiro, Daniel Durán Chapela presentou no Rexistro do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra un escrito con 2.332 sinaturas para «protestar pola carencia dun segundo pediatra no Centro de Saúde de Bueu, por mor da perda da calidade sanitaria do servizo de Pediatría», indicou o veciño da vila buenense.

Segundo afirma o Goberno municipal, "hai unhas semanas, mediante conversa telefónica, o xerente comunicoulle ao alcalde as dificultades que desde o Sergas se están atopando para cubrir esta praza, manifestando ademais que esa segunda praza non se ía amortizar".

Dado todo o anterior, os grupos municipais da corporación, BNG, PP, PSOE e ACB-SON consideran a situación actual como "inadmisible" e esixen ao Goberno da Xunta de Galicia unha solución "inmediata e definitiva".

Por outra banda, o Pleno sacou adiante outra moción conxunta dos catro grupos políticos relativa ao apoio á folga feminista do 8 de marzo.

Na mesma tamén se comprometeron a adoptar as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito de folga por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á reivindicación, así como a colocación da bandeira feminista nos edificios públicos.

Comentarios