O salón de plenos da Casa Consistorial acolleu o pasado luns unha sesión plenaria na que se abordaron varias mocións, dúas das cales saíron adiante por unanimidade dos tres grupos municipais, concretamente a que facía referencia ao Día Internacional Contra as Violencias Machistas, presentada polo goberno do BNG e PSOE, e a outra relativa ao arranxo do cruceiro da Rosa, que foi iniciativa do PP. Ademais destas dúas, o PP propuxo o debate dunha sobre a necesidade de habilitar un espazo na biblioteca de Beluso para o estudo, a cal non se aprobou ao contar cos votos en contra do goberno bueués.
O pleno comezou coa moción do PP na que se instaba ao Goberno local a empregar a biblioteca de Beluso como espazo de estudo, ben cunha ampliación de xornada e cun sistema de uso fóra do horario ou cun acceso electrónico. Segundo explicou o edil popular Daniel Chapela, "entendemos que é necesaria unha solución deste tipo, e cun sistema que pode perdurar máis alá do remate das obras da Biblioteca Torrente Ballester".
O voceiro do BNG, Xosé Leal, explicou que dende o Concello de Bueu xa se vén prestando este servizo en diversos lugares, como a Casa Consistorial, Cela e mesmo Beluso nalgún momento, polo que "temos instauradas diversas fórmulas para posibilitar o estudo nas bibliotecas, e con gran éxito polas persoas usuarias".
A continuación foi a quenda da moción, presentada tamén polo PP, na que se instaba ao Goberno local e á Deputación Provincial a impulsar os trámites necesarios para o arranxo do cruceiro da Rosa. Elena Estévez, voceira popular, explicou na súa intervención que "despois de tanto tempo é necesario que se busque unha solución xa, e o Concello debería esixir que se arranxe ou preocuparse de ver o que está acontecendo con este expediente".
En resposta, Leal solicitou que se emendase a moción, e se esixise instar á Dirección Xeral de Patrimonio, organismo competente, para que impulse os trámites para a súa reparación, toda vez que dende o Concello xa se lle remitiron diversos escritos.