"O lóxico e o moral sería que entregasen a acta de concelleiros"

Lucía Santos queda como única membro do grupo municipal de Marín tras a saída do partido dos concelleiros Pilar Blanco e Alfonso Fernández, que agora conforman o grupo mixto ►Afronta esta etapa "con optimismo e ganas" e considera que a crise interna non pasará factura nas urnas

Lucía Santos, nova portavoz do BNG no Concello de Marín. DP
photo_camera Lucía Santos, nova portavoz do BNG no Concello de Marín. C. NEIRA

Coa ruptura do grupo xa evidenciada, que valoración fai vostede dos últimos meses, nos que a situación foi a máis ata que se formalizou a saída da anterior portavoz e do outro concelleiro?

Pois a verdade é que foi complicado, polo boicot que sufrín xa desde o principio deste mandato. Dende agosto, que foi cando se constituíu o novo Consello Local, foi cando comezamos a traballar cun pouco máis de liberdade, aínda que seguimos sufrindo esta situación ata o día de hoxe. A verdade é que agora, aínda que soe raro dicilo, estamos aliviados con este novo escenario, sen presións, sen boicots e podendo levar a cabo o traballo da organización.

Fronte ao defendido polos agora concelleiros non adscritos de que eles foran marxinados da actividade municipal e orgánica do BNG en Marín, vostedes alegan que son eles os que se autoexcluíron.

É que, tal e como dixemos, este grupo está autoexcluído desde hai xa varios meses, preto de nove. Desde que se produciron os cambios, non seguiron colaborando na organización. A efectos prácticos, non están no BNG desde hai un tempo. Por iso digo que agora poderemos seguir co proxecto sen ningún tipo de traba. De feito, a decisión de pedirlles a súa saída do Bloque non foi tomada por nós, polo Consello Local, senón pola propia Executiva nacional, e apoiada tamén pola comarcal.

Como encara o traballo plenario agora que é a portavoz e que queda vostede como única concelleira?

A verdade é que será máis carga de traballo, máis responsabilidade, pero fareino con moita ilusión, sobre todo por estar apoiada pola organización e por un moi bo grupo de compañeiras e compañeiros que están traballando con moitas ganas.

A pesar de cumprir a esixencia de entregar o carné que lle fixo a Executiva, Blanco e Fernández manteñen a súa acta. Cre que acabarán entregándoa, tal e como lle pide o partido?

Nós internamente temos un código ético no que se indica que si deberan entregar esa acta, xa que pertence á organización. O lóxico e o moral sería facelo, pero iso xa vai na conciencia de cadaquén.

Que prioridades ten na súa nova etapa como portavoz local do BNG no Concello?

Pois estamos volvendo a facer o traballo que sempre levou a cabo o Bloque, que é o traballo na rúa, estar cas maiorías sociais e facendo achegamentos e encontros ca sociedade. Levamos varias semanas facendo unha serie de asembleas veciñais polas distintas parroquias, nas que estamos preguntándolle aos veciños cales son as súas demandas e que melloras deberían facerse nos lugares onde viven, co obxectivo de recabalas e levalas a Pleno. Tamén trasladaremos ese tipo de xuntanzas ao centro da vila, onde comezaremos a ter encontros con entidades sociais e culturais. O que queremos é estar na rúa.

Considera que esta crise interna afectará aos resultados do partido nas eleccións municipais do ano que vén?

Nese senso somos optimistas. Temos moitas ganas de traballar e un ano por diante para facelo. Debémoslle ese traballo aos preto de 2.000 votantes que tivemos nas anteriores eleccións e queremos demostrarlle aos posibles novos votantes que temos un proxecto serio e forte para levar adiante o concello. Tamén queremos facer visible que a política do Partido Popular non aposta polo ben da sociedade marinense. Están ancorados, non hai un futuro para Marín, gobernan desde unha pasividade absoluta e nós queremos presentar ante iso un proxecto dinámico, novo e moi ilusionante para a vila.

Na súa opinión, cales son as débedas que o Goberno local actual ten ca sociedade marinense? Que balance fai destes tres anos de mandato?

O Concello de Marín, como xa se vén denunciando en moitas ocasións, precisa dun centro multicultural. É unha débeda histórica con Marín e necesita renovación das instalacións sociais, como pode ser a Biblioteca, que é dos anos 60 e que queda pequena para a vila, así como máis espazos para celebrar eventos culturais e acoller a actividade das asociacións. Igualmente, Marín ten un casco histórico-urbano cada vez menor. Non se aposta por iso, cando todas as vilas están impulsando a rehabilitación dos seus núcleos antigos como un referente turístico. Marín está, ademais, situado nun lugar privilexiado, como é a comarca do Morrazo, e está quedando sen referentes neste sentido.

A vila debería mirar máis cara o Morrazo e non tanto cara Pontevedra?

Debería aproveitarse da situación privilexiada que ten, que lle permite estar ao lado da capital e da comarca. O que ten é que mirar para ambos lados e beneficiarse do dinamismo que hai en ambas direcións.

Vese como candidata á Alcaldía de Marín no 2019?

(Ri) Agora mesmo, bastante temos con saír adiante nesta situación. Ademais, esa decisión ten que ser tomada conxuntamente pola asemblea da organización, onde buscaremos a mellor opción para a candidatura das próximas eleccións municipais.

Comentarios