A Valedora do Pobo investigará os recortes no Centro de Saúde de Seixo

A Plataforma pola Defensa do consultorio presentou a pasada semana unha denuncia ante esta institución autonómica, que agora "iniciará as actuacións oportunas ante Sanidade"
Algúns veciños durante a última concentración da Plataforma. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Algúns veciños durante a última concentración da Plataforma. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Novo capítulo na loita contra os recortes no Centro de Saúde de Seixo. A Valedora do Pobo vén de admitir a trámite a denuncia presentada recentemente pola Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo na que facía chegar a esta institución autónómica "as consecuencias de non cubrir as vacacións e a xubilación do persoal, así como o grave prexuízo sufrido pola veciñanza por parte da Xunta e o desamparo en que a deixou o goberno municipal de Marín e a alcaldesa, María Ramallo".

Así o informou este martes a propia plataforma veciñal que se amosou "satisfeita" de que a institución "investigue os recortes de persoal e asistencia" no Consultorio de Seixo. Nesta liña indicou que agora a Xunta de Galicia terá que informar das súas actuacións á Valedora do Pobo a pesar de que "tentaron por todos os medios tapar os problemas no Centro de Saúde que deron pé ás denuncias e mobilizacións" nos últimos meses.

Dende a Plataforma presentaron un documento "fundamentado xuridicamente" no que se buscaba "defender o dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria digna a través de demandar a cobertura do persoal de maneira permanente e estable, e a posta en marcha de servizos como pediatría ou fisioterapia".

Coa apetura deste novo proceso por parte da Valedora do Pobo, a entidade veciñal agarda que sirva para "dar un primeiro aviso ao goberno da Xunta, instalado na soberbia e a insensibilidade" e tamén "ao goberno municipal de Marín e a alcaldesa Ramallo que en todo este proceso preferiu poñerse do lado do seu partido en Santiago, en vez de apoiar ás veciñas e veciños".

SITUACIÓN ACTUAL. A Plataforma continúa denunciando meses despois da ameaza de peche do Consultorio a situación na que se atopa. Ademais de criticar que se teña "un só médico para atender 2.200 persoas de dous cupos porque a Xunta non cobre o médico xubilado", a entidade reclama que as esperas chegan ata os 20 días "para unha cita médica no cupo do médico xubilado".

Denuncian así que a falta de cobertura da plaza vacante, así como a reducción a catro horas de asistencia para cubrir as vacacións do outro médico dispoñible, "está colapsando o Centro de Saúde", unha situación na que critican ademais a xestión tanto por parte do Concello, como desde a Xunta. "A Xerencia mesmo recorreu á Farmacéutica do Centro de Saúde da Parda para cargar receitas para certos pacientes e a situación está a ser moi complicada para as farmacias de Seixo e Ardán".

A situación empeora, denuncian, á hora de pedir as citas, xa que as esperas teñen chegado ata os 20 días. "Como a Xerencia non cobre o facultativo xubilado, a Xerencia permite que sexan atendidos 10 pacientes diarios deste cupo", aumentando o retraso de ambos cupos: "Dende o 10 de agosto estanse a dar citas para outubro, de feito o luns 13 de setembro xa se estaba a citar para o día 4 de outubro".

Campaña de reclamacións e asambleas veciñais
O pasado 15 de agosto, a Plataforma activou unha campaña de reclamacións por escrito da veciñanza e que manteñen activa. Por iso, a entidade veciñal anima a todas as persoas que teñan demoras nas citas a que "cubran a folla de reclamacións" e para iso poden seguir os pasos facilitados no Facebook da Plataforma ou contactar directamente por teléfono ou correo electrónico.

Así mesmo, a entidade tamén anunciou que nuns días comezarán a campaña de difusión para convocar "asembleas nas parroquias para informar" e "preparar novas accións de protesta, se a Xunta non envía segundo médico a Seixo".