O vigués Miguel Lago porá a nota humorística nesta edición do Ficbueu

O Concello de Bueu organizará por cuarto ano consecutivo a Ruta das Tapas Cinco estrelas que terá lugar na primeira quincena de setembro, coincidindo co festival de curtas

Javi AUDITORIO DE AFUNDACION: espectaculo de humor de Miguel Lago. ***GENTE Tamen publico
photo_camera Javi AUDITORIO DE AFUNDACION: espectaculo de humor de Miguel Lago. ***GENTE Tamen publico

O actor vigués Miguel Lago será o encargado de ofrecer o monólogo do 12º Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, que terá lugar do 6 ao 14 de setembro na vila. Como o fixo o ano pasado o comediante arousano Carlos Blanco cun espectáculo de stand up, a organización decidiu apostar de novo polo humor na súa programación.

O espectáculo Miguel Lago en directo terá lugar o domingo 8, ás 22.00 horas, no Centro Social do Mar e as entradas poderán mercarse a partir do vindeiro 15 de xuño na web do certame.

Este show "será calquera cousa menos politicamente correcto, pese ao que a indumentaria do seu alter ego poida suxerir. Franqueza, sarcasmo e catarse combinaranse no escenario, amosando unha maneira moi particular de ver o mundo", comentou a organización do Ficbueu.

DEGUSTAR AS CURTAS. Co gallo do festival internacional que aterrará en Bueu a primeira quincena de setembro, a Concellería buenense de Promoción Económica colaborará por cuarto ano consecutivo co certame organizando a Ruta das Tapas Cinco Estrelas.

O prazo de inscrición para os establecementos interesados en participar neste evento poderán facelo dende hoxe ata o 30 de xuño. A edil en funcións encargada da citada área, Silvia Carballo, "os locais hostaleiros que desexen participar deberán indicar antes desa data o nome da tapa e o horario, ao correo electrónico [email protected] ou ao teléfono 986 39 00 29, así como tamén de xeito presencial no segundo andar do Concello".

Como en edicións pasadas, os e as degustadoras obterán un cupón con cinco estrelas que deberán selar en cada un dos locais nos que consuman unha das tapas do programa, que levará por nome o título dun filme.

A idea de facer esta ruta coincidindo co Ficbueu ten como obxectivo "ofrecer unha oferta gastronómica paralela ao festival e así dinamizar a hostalaría local", comentou o Consistorio buenense.

Cabe recordar que no festival do setembro pasado, esta actividade gastronómica contou con 7.200 comensais que probaron os petiscos que contaban cun prezo de dous euros. Nesta oportunidade, a tapa Jeux d'enfants, elaborada polo local Volver, foi elixida, tanto polo xurado profesional como polo público como a vencedora da cita.

INTEGRACIÓN. O Ficbueu traballa todo o ano arreo en prol do cine e da cultura. Dende hai varios anos, a área social do evento -subvencionada integramente pola Obra Social La Caixa- escolle a tres colectivos en perigo de exclusión social ou en risco de vulnerabilidade para traballar con eles durante o curso lectivo a través dun obradoiro ben especial.

As elixidas desta edición foron a Asociación Con Eles de Vilagarcía de Arousa, formada por rapaces e rapazas maiores de 20 anos con discapacidade intelectual, o Secretariado Gitano de Vigo e Down Pontevedra-Xuntos.

Comentarios