"Virme para Bueu era o meu proxecto de vida, máis que de traballo"

Despois de varios anos traballando para as empresas de efectos visuais mais importantes do pais, o buenense Pablo Lamosa regresa ao seu municipio natal para crear a súa propia empresa de VFX , que xa traballa nas grandes producións
Pablo Lamosa. DP
photo_camera Pablo Lamosa. DP

En plena pandemia e tras varios anos de experiencia profesional traballando para grandes empresas de efectos visuais, o buenense Pablo Lamosa decidiu o pasado mes de outubro retornar ao seu municipio natal para crear de cero a súa propia empresa de efectos visuais. Así naceu Cormorán VFX, que xa traballa en producións de alto nivel, como a serie de Amazon Prime 3 Caminos ou a nova película do director Toño López, Cuñados.

Como comezou neste sector?

Estudei Comunicación Audiovisual en Pontevedra e fixen un máster de edición e posprodución en Donosti. Comecei a traballar en Santiago e xurdiume a oportunidade de irme a Madrid a traballar para Ranchito, unha das empresas máis importantes do sector. Na capital estiven catro anos, entre Ranchito e a empresa Deluxe , antes de volverme a Bueu o pasado mes de outubro.

Como definiría o seu traballo?

O meu posto consiste basicamente en todo tipo de modificación sobre a imaxe. Trátase de arranxar cousas que se fixeron mal ou implementar aquelas que dende un principio, por guion, considérase que é máis fácil ou máis económico facelo dende o punto de vista dixital e non por imaxe. Por exemplo, se queres grabar nun sitio e necesitas cambiar o fondo, o que sería o típico exemplo de croma (a tela verde ou azul que se pon para que sexa máis fácil a sustitución dos fondos), o meu traballo sería tanto estar en rodaxe para controlar que se graba ben, como despois no ordenador do estudio, cambiar esa tela verde polo fondo que queres. Tamén introducimos todos os elementos que non se grabaron, como por exemplo cambiar o contido das pantallas de móviles ou ordenadores, ou incluir nieblas, fumes, lumes... A maiores hai outro tipo de traballo que incluiría borrados de sombras de pértigas ou de calquera elemento que se mete dentro de plano e non queres que esté, o que coñecemos como anacronismos en películas de época por exemplo.

Como xurdiu a idea de volver a Bueu?

Eu funme coa idea de volver, a min gústame moito vivir aquí. Despois de ver un pouquiño como se fan as cousas en Madrid e traballar para grandes empresas, vinme con forzas de montar algo pola miña conta.

O sector dos efectos visuais ten moita mobilidade. Moita xente traballa fóra e volve logo con novos coñecementos

O obxectivo entón era poder reinvestir eses coñecementos obtidos e traelos a Bueu?

Esa era a idea. Chegou un momento aquí no que se me facía un pouco complicado avanzar e ao chegar a Madrid puiden traballar con xente que formou parte non só en series como Juego de Tronos, senón tamén nas maiores producións de Marvel de todo o mundo. O bo dos efectos visuais é que hai moita mobilidade, moita xente que viaxa a Canadá, Londres ou Australia para traballar durante seis meses e logo volve con esos novos coñecementos.  Isto permite que os resultados a nivel de composición estén moi equiparados nos estudios máis grandes porque a xente rota moito. Ademais é unha oportunidade para aprender dos demais que non obtés aquí.

Permitiulle este posto nas grandes empresas do sector traballar en grandes producións?

Si, para min unha das claves foi Juego de Tronos porque estabamos traballando con moita outras empresas a nivel mundial e tiñas que ter o mesmo acabado en todas partes polo que había unha gran esixencia por parte da empresa ao mesmo tempo que había moitos recursos. Entre as últimas que se estrearon fai pouco traballei tamén por exemplo en 30 Monedas ou El Cid, de HBO e Amazon Prime Video.

Como foi a acollida de Cormorán en Bueu?

De momento moi ben, non esperaba tan boa acollida. Cando a montei xa tiña previstos algúns traballos, pero a raíz deles foron xurdindo outros e outros.

Cales son algúns deses proxectos?

Hai cousas que estou agora mesmo rematando e proxectos que se estrean pronto, como a nova película Cuñados ou a serie 3 Caminos, de Ficción Producciones para Amazon Prime Video. Cormorán forma parte tamén de proxectos como Portocabo, a película Eles transportan a morte, o videoclip Midas de Taxugueiras ou a curta documental de Brandán Cerviño, entre outros que, por motivos de confidencialidade, non se poden comentar aínda. Ademais, levo traballando na parte técnica do FICBueu dende fai dez anos e foi unha das cousas claves que eu me plentexei cando vin para aquí. Estou dando clases nuns obradoiros con eles e collín algo de peso no traballo anual cos cortos. É un proxecto que me interesa moito, paréceme esencial para a identidade cultural do propio pobo e intento implicarme todo o que o tempo permítemo.

E o nome Cormorán, de onde vén?

Cormorán era o nome do primeiro barco do que foi patrón o meu avó, é unha homenaxe a él.

O auxe do teletraballo serviu moito para concienciar a xente de que o traballo online pódese levar a cabo sen problema e que a distancia cada vez é moito máis relativa

Como é montar unha empresa de cero en plena pandemia?

É arriscado. Tiven a sorte de poder acollerme a algúns programas do Estado, pero é certo que a produción baixou polo covid e o mundo ralentizouse. Sempre tiven moita sorte, e tamén empeño, porque desde que acabei os estudos nunca deixei de traballar. O de virme para aquí era o meu proxecto de vida, máis que de traballo, eu quería virme e aínda que fora ir buscando traballo pouco a pouco.

Está prevista unha futura expansión?

Oxalá vaia moi ven a cousa e poidamos ampliar e tirar da economía tamén aquí. Bueu é un sitio estupendo para vivir e agora mesmo, grazas aos avances tecnolóxicos, podemos traballar sen problema. Eu colaboro con clientes de fóra que nin sequera saben onde estou e non lles importa porque facemos todo online. O auxe do teletraballo serviu moito para concienciar a xente de que o traballo online pódese levar a cabo sen problema e que a distancia cada vez é moito máis relativa.

É ese o futuro?

Eu creo que é unha tendencia global que a xente poida vivir onde queira vivir se todo vai ben grazas ao teletraballo.

Comentarios