Unha visión propia da terra

O Ateneo Santa Cecilia de Marín acollerá ata o próximo 16 de decembro a exposición ‘marEpedra’, unha mostra coa que as artistas Lurdes Meis e María Fortes pretenden transmitir a súa idea de Galicia, así como a diversidade das súas paisaxes e elementos
undefined
photo_camera María Fortes e Lurdes Meis diante das súas obras expostas no Ateneo Santa Cecilia. ADP

A paisaxe galega caracterízase pola súa diversidade. Nunha mesma contorna poden chegar a convivir o mar e o monte, unha combinación que inspira aos artistas autóctonos, e incluso tamén aos de fóra, para dar forma as súas obras e, nalgúns casos, para marcar a súa temática. A mostra 'marEpedra' das artistas Lurdes Meis e María Fortes Blanco é unha desas ideas que xurden da fascinación de ambas por Galicia, a súa terra, e todo o que a rodea, dende a paisaxe ata as mesmas tradicións e historia.

Dende o pasado 29 de novembro e ata o próximo 16 de decembro, o Ateneo Santa Cecilia de Marín custodiará entre as paredes da súa sede esta exposición, composta por preto de 30 cadros, realizados por Lurdes Meis, e 20 esculturas, executadas pola súa compañeira María Fortes. "Esta exposición é unha clara representación de Galicia, onde hai paisaxes de todas as cores. Iso é o que queremos transmitir", conta Meis, artista de Meaño que leva dende pequena vinculada á artesanía.

Para representar á terra galega, as artistas quixeron facer unha recompilación de todos os elementos que a representasen a nivel paisaxístico: o mar, o monte e as flores. Pero tamén os elementos que se atopan neses espazos, como a pedra, a madeira e incluso o ferro, tan vinculado á terra polas tradicións labregas.

Con respecto ás obras pictóricas, está principalmente representada a temática mariñeira, "que tanto representa a Galicia, pero tamén a Marín, onde estamos expoñendo". Nas esculturas, predomina a madeira e a pedra. "Utilízanse materiais reciclados. María ve arte nestas pezas que ao mellor nos non somos capaces de percibir", relata a de Meis.

"O que pretendo con cada obra que fago é devolverlles a vida a obxectos olvidados", apunta María Fortes, artista de Cerdedo-Cotobade, xa que a mostra do Ateneo está composta por esculturas realizadas a partir de tramos de bateas, tramos de vigas utilizadas na restauración dunha vivenda e cantos de ríos e praias. Tamén expón obras elaboradas con conceptos máis artísticos e incluso ferramentas típicas de traballar a terra, pero con outra perspectiva, como é o caso dun sacho e un fouciño. "Isto representa a historia do noso país", di.

TRAXECTORIA ARTÍSTICA. A meañesa Lurdes Meis, a pesar de ter afición polas manualidades dende pequena e adicarse durante 20 anos á artesanía en coiro e todo tipo de pel, non se comezou a introducir na pintura acrílica ata hai catro anos. "Empecei a experimentar con acrílicos fluídos recollendo información en internet. Por medio de titoriais de Youtube e moitas probas fallidas conseguín expresarme a través das mesturas de cores", conta Meis, que dende 2019 expuxo en diferentes salas de Galicia e outros puntos de España.

María Fortes tamén tivo unha "vocación artística tardía, autodidacta e multidisciplinar". Profesional e academicamente orientouse sempre ao deseño, o que lle serviu para expresarse nas esculturas que realiza, sempre sensibilizada co malgaste dos recursos naturais. Fortes participou na última década en varias exposicións colectivas en París, O Porto, Vilanova da Cerveira e en diferentes salas da xeografía galega e española.

Comentarios