O voluntariado interxeracional chega á Illa de Ons a prol do medio ambiente

Unha decena de persoas realizou durante a fin de semana varias actividades ambientais
Algúns dos voluntarios durante unha das actividades levadas a cabo en Ons. DP
photo_camera Algúns dos voluntarios durante unha das actividades levadas a cabo en Ons. DP

A Illa de Ons converteuse a fin de semana en obxecto de varias tarefas de conservación, matemento e información na que participaron unha decena de voluntarios. A actividade formou parte dun programa de voluntariado ambiental de carácter interxeneracional, impulsado polas consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e de Política Social.

As persoas participantes chegaron o pasado venres á illa e formaron parte durante tres días de diversas actividades ao aire libre baixo a dirección e supervisión dos técnicos do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia. Ademais, os dez participantes pasaron os tres días na propia illa, aloxándose nunha das vivendas que ten en propiedade o Parque.

Entre as accións levadas a cabo estes tres días, cómpre subliñar a eliminación de especies alóctonas, como a acacia ou as calas (especies vexetais invasoras presentes na illa); a limpeza das praias de Liñeiros e Cova de Vella e dos sistemas dunares de Melide e Canexol; a realización de tarefas de mantemento e adecuación de camiños e sinais; o apoio nas tarefas de guía e información; ou a reforestación con especies autóctonas.

Estas xornadas foron as primeiras das dúas quendas de voluntariado previstas para a súa celebración na Illa de Ons. A segunda está programada para a fin de semana do 24 ao 26 de setembro, coincidindo co final da tempada de verán. A actividade pretende dar continuidade ao proxecto iniciado polos dous departamentos autonómicos a través do Proxecto Lewo, posto en marcha no ano 2017.

Deste xeito, está previsto que de aquí ao mes de outubro se realicen unha vintena de accións de voluntariado ao abeiro desta iniciativa interxeracional, que esgotou as 228 prazas dispoñibles en apenas tres horas e achegará aos seus participantes a 16 dos espazos naturais máis senlleiros e recoñecidos de Galicia.

O programa de voluntariado ambiental deste ano recalará tamén nos seis parques naturais de Galicia; nas reservas da biosfera Terras do Miño Mondoñedo; Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo; e Eo, Oscos e Terras do Burón Ribadeo; e nas zonas de especial conservación (ZEC) Ancares-Courel e Canón do Sil.

Comentarios