Sábado. 22.09.2018 |
El tiempo
Sábado. 22.09.2018
El tiempo

Xosé Daniel Costas Currás: "As mulleres foron fundamentais na construción de Moaña"

Xosé Daniel Costas Currás. AELG
Xosé Daniel Costas Currás. AELG

O autor de Conservas, co que obtivo o prestixioso XXII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, guía hoxe o roteiro literario As traballadoras do mar e ofrecerá un punto de vista diferente sobre as mulleres e o municipio morracense

O roteiro literario As traballadoras do mar, que hoxe guía o poeta moañés polas rúas e prazas da súa Moaña natal, esgotou as súas entradas a mediados de semana. Hoxe as mulleres serán as protagonistas e, cos seus poemas, Xosé Daniel Costas (Moaña, 1981) descubrirá a todos os participantes unha vila mariñeira dende un punto de vista feminino, empregando a historia como fío condutor.

De que vai falar hoxe durante o roteiro que guiará por Moaña?

O roteiro percorrerá Moaña dende o Porto de Pasaxe ata o Concello. Imos ir facendo diferentes paradas centrándonos no mar e na memoria das mulleres, que tanto transformaron o mar e tanto o traballaron: no laboral, no ecolóxico e no xeito de vivir. Ao longo do percorrido irei lendo poemas adicados a mulleres redeiras, mariñeiras a mulleres que venden na praza, mariscadoras, ecoloxistas. Tamén iremos facendo diferentes paradas: no Mercado de Abastos, no mercadiño que se celebra todos os sábados, onda as mulleres que venden produtos do campo,... queremos interactuar coas mulleres de Moaña. Tamén imos parar en puntos que eu considerei que teñen trascendencia, como a estatua dos mariñeiros ou unha rúa do centro, onde lerei un poema adicado a Cándida Lago.

Vai empregar unicamente poemas seus ou de máis autores?

Eu tíveno fácil, porque collín todos os meus poemas, teño moita produción de textos vinculados co mar e vinculados con mulleres, e coloqueinos nos lugares de Moaña máis acaídos. O meu primeiro libro chámase Conservas e con el acadei o premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón. Nel falo das conservas e da memoria, tanto miña coma da miña nai e das mulleres que me ensinaron a edificar a miña vida. Hai tamén moita temática das conserveiras da zona de Meira, e aproveitaremos o espazo de Moaña para ver Meira e explicar máis alá do centro da vila outros elementos que son importantes na vida moañesa.

Costas Currás: "Agora mesmo sigo traballando a poesía do mellor xeito que podo e coa miña mellor intención"

Vai falar da muller traballadora en xeral ou tamén dalgún personaxe feminino destacado?

Falaremos globalmente da muller como traballadora, pero tamén queremos achegar o próximo. Falarei de mulleres anónimas, pero explicando quen son, que axudaron a construír Moaña. Tamén emprego personaxes que tiveron importancia na vila, que teñen rúas adicadas, que tiveron un traballo ecolóxico ou cultural importante. E tamén falaremos de memoria histórica, a través de persoas que estiveron toda a vida vinculadas ao mar pero que, por diferentes motivos, sufriron o exilio forzado na época da Guerra Civil.

Moaña non sería o mesmo sen as súas mulleres.

Non. A miña primeira frase en Conservas, está adicada a todas as mulleres que me ensinaron a ser muller. As mulleres son parte fundamental na construción social, marítima e económica de Moaña, porque levan toda a vida traballando na conserva, no marisqueo..., e conseguiron grandes reivindicacións laborais. Son capaces de que o Estado lles recoñeza o seu traballo e poder vivir con pensións dignas. Marisqueiras, redeiras... todas fixeron un gran traballo no pasado e tamén no momento actual, pois hoxe por hoxe está a Asociación de Mulleres de Moaña, que traballa fortísimamente. Temos moi presente como no pasado as mulleres axudaron a construír Moaña.

O poeta: "Non intento transformar nada, senón comunicar todo aquilo que teño ao meu carón dun xeito poético"

Ten vostede xa tres libros propios publicados e varios colectivos.

Si, ademais de Conservas, teño Infancia de vacas mortas, que fala sobre a fame e a infancia dende un punto de vista social. Trata de expandir estes temas cara o problema das guerras. Despois publiquei Monicreques, que foi co que gañei o premio Novacaixagalicia (agora Afundación), que está estruturado en escenas e os personaxes son monicreques, que collen vida e desenvolven a súa acción entre eles e falando co lector. É levar a poesía ao teatro ou á inversa.

Ten tamén moita obra escrita pero sen publicar.

Si, pero grazas a diferentes revistas e á Universidade puiden mover moitos textos. Teño tamén moita obra publicada en edicións colectivas. Eses poemas que vas sacando, aínda que non teñas libros individuais, son obras que collen vida noutros ámbitos.

Xosé Daniel Costas: "A miña primeira frase en ‘Conservas’ está adicada a todas as mulleres que me ensinaron a ser muller"

É complicado vivir da poesía en Galicia?

Complicado non, imposible, pero os que nos adicamos á poesía non é por un interese comercial. Eu, cando decidín escribir foi porque atopei noutras persoas un xeito de expresarse. E agora mesmo sigo traballando a poesía do mellor xeito que podo e coa miña mellor intención. Non intento transformar nada, senón comunicar todo aquilo que teño ao meu carón nun formato poético.

Xosé Daniel Costas Currás: "As mulleres foron fundamentais na...
Comentarios