A Xunta e o Porto de Marín afianzan a súa aposta polo centro A Aixola

A conselleira do Mar e o presidente da Autoridade Portuaria renovaron a colaboración para o uso das instalacións
Rosa Quintana e José Benito Suárez confirman a colaboración entre ambas entidades. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Rosa Quintana e José Benito Suárez confirman a colaboración entre ambas entidades. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, xunto ao presidente da Autoridade Portuaria de Marín e ría de Pontevedra, José Benito Suárez, selou a renovación da colaboración entre ambas entidades para o uso das instalacións do centro de formación A Aixola, dependente da Consellería do Mar e situado no dominio público portuario que xestiona a Autoridade Portuaria. Durante a visita, a titular de Mar destacou, así, a aposta de Galicia por unha formación marítimo-pesqueira adaptada ás necesidades do sector e coa mirada posta na remuda xeracional.

Nesta liña, subliñou que esta colaboración permitiu ao centro ofertar máis dun cento de cursos de formación continua e ocupacional destinados aos traballadores do sector e relacionados coa manipulación de redes, madeira e outros materiais, a velaría e a reparación de embarcacións pneumáticas así como o mantemento de instalacións eléctricas e mecánicas en buques menores.

Trátase dunha oferta cunha orientación totalmente práctica, na que se integra a teórica, e que pretende emular o traballo nas empresas ao contar cun profesor-titor ao que se lle asigna un grupo de aprendices en cada especialidade. En relación a este ano, Rosa Quintana lembrou que A Aixola impartirá sete novos cursos e outras accións formativas cunha oferta de 129 novas prazas. Estas actividades desenvolveranse entre marzo e decembro, supoñen máis de 2.100 horas de formación de carácter gratuíto e dela poderán beneficiarse operarios do sector pesqueiro así como pescadores e mariscadoras, cónxuxes destes ou persoas con titulación ou certificado para traballar no sector pesqueiro.

Esta oferta inclúe un novo curso de Operacións de habilitación en embarcacións menores, con seccións de madeira e tapicería para interiores de barcos, e Reparación de flotadores de embarcacións, da área dos servizos náuticos. Ademais, ofertarase unha nova formación de modelado de poliéster, denominada Modelado manual de poliéster para pezas de uso en acuicultura e construción naval, que permite completar as competencias adquiridas nos cursos de laminación ofertados en anos anteriores.

A colaboración que se vén de renovar establece as condicións da cesión de uso e da posta a disposición da Consellería do Mar das instalacións do centro de formación A Aixola, situado no dominio público portuario que xestiona a Autoridade Portuaria de Marín e ría de Pontevedra, para a realización de actividades de formación continua e ocupacional destinadas aos traballadores do sector. Mediante este acordo, a Consellería do Mar xestiona a formación na Aixola, a través do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, e corre cos seus custos, e a Autoridade Portuaria cede o uso das instalacións.

A conselleira do Mar estivo acompañada na sinatura do convenio polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis, López; pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; e pola directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda.

Comentarios