O youtuber Olaxonmario lerá o manifesto do Día do Orgullo en Bueu

As IV Xornadas pola diversidade afectivo - sexual comezarán o próximo día 26 de xuño
undefined
photo_camera Os concelleiros Silvia Carballo e Agustín Gallego, onte, na presentación do acto.

O Concello de Bueu organiza a finais de mes as IV Xornadas pola diversidade afectivo - sexual, cun programa que se desenvolverá os días 26 e 28 de xuño e o 2 de xullo, e co que se busca crear conciencia sobre a identidade persoal e a liberdade sexual.

Así o salientou o concelleiro de Mocidade e Infancia, Agustín Gallego, na rolda de prensa celebrada onte na céntrica Praza Massó, e na que estivo acompañado de Silvia Carballo, edil de Promoción Económica e Turismo. Ambos incidiron no papel que deben cumprir as administracións na loita polos dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+ e na visibilización da diversidade.

O programa deste ano incide na realidade das persoas transexuais e por iso o 26 de xuño, ás 12 horas, abriranse as xornadas coa presentación do libro "Identidade", do autor marinense Nee Barros.

Tamén estará presente nesta primeira xornada a iniciativa  "A roupa non ten xénero", que naceu da man dun grupo de rapazas do IES Johán Carballeira. As persoas asistentes poderán reflexionar sobre conceptos como a identidade e a realidade sexual, ou a liberdade de expresión das persoas.

O luns 28, Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o recoñecido youtuber boirense Olaxonmario lerá o manifesto conmemorativo desta data na Praza Massó, dando paso despois á proxección do filme "Call Me By Your Name" de Luca Guadagnino, que se poderá ver no Centro Social do Mar, para evitar problemas coa luz do día, ás 21.30 horas con entrada de balde ata completar aforo.

O 2 de xullo, Bueu acollerá a actuación "A Drag Pandeireteira" a cargo de Meiga-i, despois da que terá lugar un faladoiro arredor do mundo drag e da súa experiencia persoal. "A Drag Pandeireteira" é un espectáculo que mestura a tradición coa reivindicación, e na que resurxirán os espíritos de cantareiras galegas que posuirán á Meiga-i.

Tamén, e como vén sendo habitual, durante esa semana realizarase o pintado dun dos bancos da praza coas cores da bandeira LGTB así como un taboleiro da diversidade que estará realizado polo artista local Josuha Acuña "Xanbreo".

Comentarios