Sobre Hablamos Español: "Ninguén de fóra vai vir aquí a dicir como nos chamamos"

O BNG tilda a asociación de "colectivo galegófobo" e culpa a Martín de "poñerlle en bandexa a entrada á nosa vila"

Axentes da Policía Local de Sanxenxo durante a polémica recollida de firmas organizada en xullo. D. FREIRE
photo_camera Axentes da Policía Local de Sanxenxo durante a polémica recollida de firmas organizada en xullo. D. FREIRE

Lonxe de calmar os ánimos, a postura do Goberno local de opoñerse á recollida de firmas que Hablamos Español quere realizar o vindeiro domingo na Praza Pascual Veiga, para reclamar a liberdade de elección na lingua, provocou o mércores máis críticas. Mentres que a agrupación impulsora desta iniciativa tilda de "lamentable" a postura do bipartito, o BNG responsabiliza ao alcalde, Telmo Martín, de "poñer en bandexa a este grupo galegófobo a súa entrada no noso concello".

Neste sentido, a concelleira nacionalista Sandra Fernández Agraso lembra que o rexedor popular non tivo inconveniente en autorizar a recollida de rúbricas que se levou a cabo o pasado 28 de xullo, nas inmediacións do Consistorio, nun acto no que tiveron que acabar intervindo a Garda Civil e a Policía Local de Sanxenxo. "As intencións deste colectivo son exactamente as mesmas que cando (Martín) lle deu autorización hai unhas semanas", lamenta Fernández Agraso, que asegura que existe unha relación de amizade entre o propio alcalde e a fundadora de Hablamos Español, Gloria Lago. "Estamos fartos de que Sanxenxo se vexa sempre empañado polas amizades do señor Martín, xa sea no ámbito lingüístico ou no urbanístico", sinala a concelleira do principal grupo da oposición.

"Ninguén de fóra vai vir a dicirnos como nos chamamos", advirte Fernández, que acusa a Telmo Martín de "estar máis pendente de querer lucirse de cara ao turista, en vez de gobernar para os veciños de Sanxenxo. Se o nome da vila queda manchado neste proceso, o culpable será o alcalde, por ter permitido a primeira convocatoria. En todo caso, esa mancha nunca vai ser peor que a que leva deixando por culpa de diferentes sentenzas xudiciais", sinala.

DEREITOS. O BNG non foi o único que se sumou á polémica. Hablamos Español emitiu o mércores un comunicado no que carga duramente contra Telmo Martín. Os seus responsables aseguran que a recollida de firmas do 28 de xullo "fue boicoteada por un grupo de radicales, ante la pasividad del Ayuntamiento".

Ademais, a asociación lembra que este tipo de iniciativas fainas en diferentes enclaves turísticos de España. Por último, Hablamos Español entende que "el alcalde ha realizado insinuaciones tendenciosas sobre nuestro colectivo, su actividad y sus objetivos", conclúe.

Comentarios