domingo. 12.07.2020 |
El tiempo
domingo. 12.07.2020
El tiempo

O CEIP Plurilingüe A Florida celebra os seus 50 anos na Florida de Sanxenxo

O CEIP A Florida inaugurouse en 1969, ano da fotografía, nun entorno natural formado por campos de millo e monte. CEIP CEDIDA
O CEIP A Florida inaugurouse en 1969, ano da fotografía, nun entorno natural formado por campos de millo e monte. CEIP CEDIDA
O CEIP Pluriligüe A Florida celebra este domingo os seus 50 anos de existencia, nunha cita na que o equipo humano que fai posible este proxecto educativo poderá volver a vista atrás para lembrar unha historia que comezou na recta final da ditadura franquista

Coma aquel mestre que espertou a curiosidade dos cativos en A lingua das bolboretas e lles ensinou a aprender nun entorno vivo e cheo de belezas inexploradas, o colexio da Florida, este domingo CEIP Plurilingüe A Florida, fixo unha carreira de fondo para chegar ata os seus alumnos e alumnas. Mudaron os métodos de ensino, mudou o contorno, e mudaron os libros. Pero os cativos e cativas seguen sendo, en esencia, os mesmos. "Os nenos e nenas desta zona son moi entrañables. Agradecidos, cariñosos, teñen interese, son faladeiros, inquedos, móvense... Son nenos. Os cativos non poden estar sentados nunha cadeira cinco horas sen falar. A educación ten que ser aberta, buscando o interese do neno e, a partir dese interese, o mestre ten que reconducilo cara ao saber", explica o director do centro, Pedro Solla, quen leva catro anos no cargo.

Solla ten para contar historias de grilos que remataron en libros, investigacións cos cativos sobre os invertebrados, e outras moitas vivencias educacionais sobre as que, asegura, "hai que buscar o que lle interesa ao neno, se o facemos do xeito tradicional abúrrese. Así están moi motivados". "Síntome moi identificado con ese home", confesa, en referencia ao don Gregorio de Manuel Rivas.

O CEIP A Florida abriu as súas portas na recta final da ditadura franquista, en 1969. Era unha escola dividida por sexos, con cursos dende primeiro ata octavo, e clases ateigadas con entre 35 e 40 cativos e cativas que sentaban en cadeiras individuais. "Os mestres eran da vella usanza, daqueles de bimbia, castigo e bronca. O nivel autoritario era moi alto, o mestre era a figura, e facía uso da violencia. Eu levei algunha e non por iso me cambiaron. Aquelas non eran formas, con paus non se educa. Seguramente me metín nisto para intentar mudalo", relata Solla quen, ademais de director, foi alumno do centro.

Os anos 80 foron o comezo dun aperturismo progresivo, que cristalizou nos 90 ata converterse no que este domingo en día é un contorno amable e respectuoso, onde o benestar do alumno e da alumna é o primeiro. Un colexio moderno no seu equipamento e moi capaz nos seus métodos de ensino. Agora, os nenos e as nenas aprenden como iguais, e as mestras e os mestres forman un equipo unido que dá vida a un proxecto sen o cal, o colexio da Florida sería só un edificio baleiro. Os campos de millo xa non arrodean ao centro. Paulatinamente, foron substituidos por edificios de apartamentos e outros servizos, agás unha pequena zona de vexetación que aínda conserva a memoria dun tempo pasado. O colexio da Florida posúe agora aulas específicas que se adaptan as novas tecnoloxías e ensinanzas, mudou os seus espazos segundo a necesidade dunha biblioteca máis grande, un corredor de xogos e unha aula maker onde os cativos fan experimentos científicos, robots, impresión 3D e incluso fotografía, e tamén a súa propia pista de educación vial, nun exterior no que agora existen tres edificios, entre o de primaria, o de infantil, e o das aulas específicas.

O GRAN CAMBIO. Moito queda por contar daquelas primeiras catro décadas que foron testemuñas da evolución do centro educativo. Sen embargo, non sería ata o esta última cando se produciría a rutura máis transgresora de todas. "En 2012 viñeron os cambios tecnolóxicos. En 2015 a velocidade de internet era dun mega e en cuestión de tres anos estamos con fibra óptica. Os grandes cambios tiveron lugar nestes anos, coa aparición dos canóns proxectores, as pizarras dixitais, a introdución da informática nas aulas, que os nenos de 5º e 6º teñan un portátil cada un, a radio escolar ou a aula de informática. Todo mudou moito e moi rápido a partir dese momento", lembra o director. "Agora os mestres e mestras formámonos cada día para atender as expectativas deste alumnado que xa é nativo tecnolóxico", asegura.

MOITO QUE CELEBRAR. O CEIP Plurilingüe A Florida celebra este domingo unha comida para festexar o seu 50 aniversario, á que asistirá o alumnado actual e parte do antigo, nais, pais, claustro, e antigos mestres e mestras. Unha ocasión perfecta para volver a vista atrás e marabillarse do significado da educación.

O CEIP Plurilingüe A Florida celebra os seus 50 anos na Florida de...
Comentarios