miércoles. 02.12.2020 |
El tiempo
miércoles. 02.12.2020
El tiempo

Achan na Illa de Cortegada dúas especies de fungos "únicas no mundo"

Exemplares do fungo 'Mollisia cortegadensis'. USC
Exemplares do fungo 'Mollisia cortegadensis'. USC
"Trátase dunha das paraxes máis ricas en diversidade micolóxica no chan non só de Galicia, senón tamén de España e probablemente de Europa"

Un investigador do grupo da USC Ambiosol, Saúl de la Peña, descubriu dúas novas especies de fungos na Illa de Cortegada, que denominou Calycina cortegadensis e Mollisia cortegadensis

Estes fungos, en concreto 'ascomicetos', crecen en ramas mortas de castiñeiros e carballos, respectivamente, un achado que se publicou na revista científica Persoonia. 

"Trátase de dúas especies únicas no mundo", sinala De la Peña, que tamén advirte da "dificultade" de atopalas "polo seu reducido tamaño e cor pouco rechamante". Pablo Alvarado, Óscar Requejo ou Enrique Rubio colaboraron con Saúl de la Peña nesta investigación e levaron a cabo a descrición destas dúas novas especies para a ciencia. 

A Illa de Cortegada, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, conta con máis de 800 especies de fungos nos seus 0,44 quilómetros cadrados de extensión. Estes datos son máis destacados, explicou a USC, ao ter en conta que a illa galega "cuadriplica en número de taxóns a Parques Nacionais como Doñana". 

"Trátase dunha das paraxes máis ricas en diversidade micolóxica no chan non só de Galicia, senón tamén de España e probablemente de Europa", dixo De la Peña. 

Estímase que a nivel mundial existen preto dun millón e medio de especies de fungos, aínda que só se coñecen o 6,7% deles. En Europa, a cantidade atribuída é de 12.500, mentres que o Catálogo Micolóxico Galego rexistra máis de 2.000 especies, das cales o 40% están presentes na Illa de Cortegada. 

Achan na Illa de Cortegada dúas especies de fungos "únicas no mundo"
Comentarios