Alberto Avendaño: "Con 'Vida Salnés' queremos reflectir a alma da xente da comarca"

Xornalista, escritor e poeta, Alberto Avendaño afronta un novo reto na súa dilatada carreira profesional dando inicio a unha nova sección de entrevistas semanais alcumada Vida Salnés que verá a luz o domingo en Diario de Pontevedra e Diario do Salnés e contará con imaxes de José Luiz Oubiña
Alberto Avendaño y José Luiz Oubiña para 'Vida Salnés'. DS
photo_camera Alberto Avendaño y José Luiz Oubiña para 'Vida Salnés'. DS

Alberto Avendaño, xornalista, escritor e poeta, nado en Vigo e dende hai tres anos residente en Vilagarcía de Arousa, afronta un novo reto na súa dilatada carreira profesional dando inicio a unha nova sección de entrevistas alcumada Vida Salnés. A iniciativa verá a luz o domingo, 2 de abril, cunha periodicidade semanal, nun produto que conta co texto do vigués e as fotografías e vídeos de José Luiz Oubiña. O amplo currículo de Avendaño acumula a publicación de diversas obras literarias como Kaosmos Maasai, lanzadas en 2022, ou ser precursor do grupo poético Rompente. No que respecta ao ámbito xornalístico, a figura do xornalista erixiuse como un referente tanto a nivel nacional como máis alá do charco, grazas ao seu paso polo tabloide estadounidense The Washington Post. Así mesmo, no continente americano, ostentou o cargo de director de El tiempo Latino, o principal xornal en castelán do distrito. O seu compromiso e perseverancia levouno a acadar moitos logros laborais, entre os que destacan tres premios Emmy polas súas publicacións.

En que vai consistir este novo proxecto de Vida Salnés?
José Luiz Oubiña e eu estabamos pensando en como contribuír, como reflectir a vida da comarca na que estamos insertados. Os dous somos emigrantes retornados e ademais de dobre vía, porque el é Brasil-Salnés, Salnés-Brasil e eu son Vigo-Estados Unidos-Salnés ou Vigo-Washington, Washington-Vilagarcía, que é o meu triángulo. Agora levamos tres anos aquí, dende a pandemia. Unha vez empadroados en Vilagarcía, tanto eu como a miña muller insertámonos no que é a vida arousá e fomos descubrindo pouco a pouco O Salnés e curiosamente funo descubrindo da man de dúas persoas estranxeiras, de fóra, que se convirten en persoas de dentro. Unha é Oubiña e outra é Jackie Barros, que é unha estadounidense casada cun señor de Vilaxoán. Cando empezo a colaborar en prensa unha vez instalado aquí, recuperando a miña vida literaria e a miña vida do pasado, o meu contacto principal é Oubiña. Cando el empeza a traballar para o Diario de Pontevedra, sempre está pensando en que facer, e unha das miñas obsesións en xornalismo é facer hard news, é dicir, noticias do que habitualmente é considerado algo soft, unha nova menor.

E cal sería a fórmula para convertir a vida que lle rodea nunha hard news? 
Esa vida que nos rodea ao final ten que ser contada polos seus protagonistas. E tan protagonista é un mariñeiro de Vilaxoán, que un artista de Cambados, unha profesora de Vilagarcía ou unha mariscadora de Carril. Todos os ingredientes están aí para elaborar a noticia. Pero que ocorre? Que despois de tres décadas ou máis no xornalismo xa non quero escribir noticias, o que quero é que a xente me conte a súa vida, que para min é a maior noticia do mundo. Neste mundo, o que vivimos é que todo é rápido e hai que empezar a dicirlle ás novas xeracións que a rapidez non é o mellor, simplemente a rapidez non é a vida. É crear perfís de vida, que significa entrar no corazón dunha comunidade. Por iso se chama Vida Salnés

De que xeito buscaban conectar coas persoas? 
Cando decidimos entrar no corazón de esta comunidade descubrimos que o mellor é sentarse un a un, evidentemente non con todos os habitantes porque non hai espacio, senón coa xente que vas atopando, que tes cerca e coa que vas decidindo que che conte a súa vida. Entón vas facendo esas relacións e a miña función como xornalista non é escribir a historia de ninguén, senón pedirlle que ma conte. A miña función é editar, formatear para que se poida publicar, e a función de Oubiña é indagar a través das imaxes, das fotografías que el crea. Por iso creamos unha estética cun fondo negro bastante contundente e persoal. Eu creo que van quedar fotos moi persoais, vídeos moi personales editados por Eduardo de la Peña. E ese é o concepto final. Somos emigrantes retornados que se insertan nunha comarca e que intentan buscar a alma da comarca a través das voces dalgúns dos seus habitantes. 

Despois de tres décadas xa non quero escribir noticias, quero que a xente me conte a súa vida, que para min é a maior noticia"

Que teñen de particular estes encontros?
O fundamental aquí é reflexar, a través dos testemuños de persoas, a alma, a psicoloxía, a maneira de ser dunha comunidade. Entón, dunha manera reducida, que non pode ir máis alá de mil e pico palabras, conseguir que esa persoa nos conte quen é ela e que a través da súa narración de vida, descubrimos como é o Salnés. É un exercicio de diván, case de psicólogo. Acórdome moito de El Loco de la Colina, que unha das partes máis importantes das súas entrevistas non eran as preguntas, senón os silencios, na medida en que eres capaz de provocar que alguén diga o que non pensaba que ía dicir. Oubiña coloca unha cámara, failles unha sesión de fotos, eu séntome, dígolle unha frase e deixo que eles vaian elaborando. A min o que me interesa son as bases do xornalismo aplicadas a unha vida. O que, quen, como, cando, onde, pero contadas nas súas propias palabras. O que quero é que as palabras dos protagonistas sexan o centro da narración. 

Alberto Avendaño para 'Vida Salnés'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Alberto Avendaño para 'Vida Salnés'. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Que perfiles atoparán os lectores?
Persoas que veñen de diferentes ámbitos de vida, profesionais, ideolóxicos estou seguro. Eu creo que un pouco de todo, porque vai estar representado sen buscalo o mundo do ensino, o mundo da cultura, o mundo das artes… O lector vai atopar persoas dun amplo perfil social e profesional. Vas ter alguén do mundo do marisqueo, da industria, do mundo empresarial, do mundo das artes. É moi variado, é a xente que te rodea.

O máis bonito dunha serie como esta é descubrir todas estas historias e ter o privilexio de ter ese contacto humano e que a través del entres na colectividade da comarca, no seu espírito. Evidentemente non van estar todos os que son, pero si van ser todos os que están.

Cal sería o matiz diferenciador deste novo espazo? 
Se hai algo que nos pode diferenciar dun artigo de prensa normal é que aquí o lector non vai ler un artigo de prensa normal. Aquí vai esoitar as voces desas persoas. A miña misión como entrevistador, curiosamente por primeira vez na miña vida, é non entrevistar. É desa maneira como queremos construir, non estamos inventando ningún xénero xornalístico, non nos van a dar o Pulitzer. Non estamos descubrindo nada, pero estamos facendo un esforzo de amor coa comunidade na que vivimos. 

E por que despois de todo o que fixo na sua carrera profesional, decide meterse nisto que é algo novo? 

Porque tamén é algo novo para min o Salnés, tamén é algo novo a Ría de Arousa.

Oubiña coloca unha cámara, failles uha sesión de fotos, eu séntome, dígolle unha frase e deixo que eles vaian elaborando"

Neste proxecto afondará na vida e historia dos homes e mulleres do Salnés. Vostede que viviu en Washington durante varias décadas,  que diría que diferencia a ambas poboacións? 
É curioso porque a xente de Washington é un mundo completamente diferente. A xente de alí vive nunha área metropolitana. A do Salnés non vive así. Quero dicir, unha persoa que vive dentro da cidade de Washington, ou que vive dentro de Bethesda, que é onde vivíamos nós, están máis enlazados e viven a unha distancia duns a outros dunha hora. E viven máis cercanos, porque viven máis conectados, usan moito o coche evidentemente pero está o metro. Aquí hai unha excesiva dependencia do coche. 

Sigo dicindo que é unha magoa non poder ter un ferry na ría de Arousa para poder estar rápido en Rianxo. Non ten sentido andar dando voltas en coche. Ser coche-dependente é o peor erro que pode cometer unha comunidade. O humanizar, como dín agora os alcaldes, ou facer zonas cada vez mais peonís nas vilas e nas cidades e crear conexións que te permitan non depender do coche, é fundamental. É unha mágoa que eu para ir ao Grove teña que depender do coche. Cando teño unha conexión por mar maravillosa. Xa non vou falar do tren de costa como fan os ingleses, porque ese tipo de tren xa non vai existir en Galicia. Hai moitos retos nesta zona, pero hai moita riqueza tamén. Moita. Como me dixo algún entrevistado das personaxes de Vida Salnés, é unha zona privilexiada, con tantos elementos positivos que superan ou minimizan ou negativos.

Non estamos descubrindo nada, pero facemos un esforzo de amor coa comunidade na que vivimos"

Por que Vilagarcía como sitio para vivir? 
Porque é o mesmo modo de vida que tiñamos en Estados Unidos. Washington é unha area metropolitana que ten Washington DC, distrito de Columbia, e o distrito é unha cousa pequena como Pontevedra. Nós vivíamos no condado de Montgomery, que é como o Salnés. Entón eu collía o metro e podía chegar en 20 minutos á Casa Blanca, en 30 ao Washington Post, na mesma liña de metro. E é o que tardo eu en chegar a Santiago, 20 minutos, e 30 minutos o que tardo en chegar a Vigo. Vivindo aquí estou vivindo na área metropolitana que inclue Vigo-Santiago-Vilagarcía. E se a vives de esa maneira, creas unha flexibilidade social e laboral fascinante. Pero é como se vive en áreas metropolitanas. A veces o vilagarcián, e a xente que vive no Salnés , ten que vivir con esa mentalidade. O tren para min e para a miña muller funciona como o metro da área metropolitana de Washington. É un modo de vida que sempre nos apeteceu. Nunca nos gustou vivir dentro do que é a gran cidade. Vilagarcía aínda conserva ese aspecto de comunidade pequena, xa que aínda podes estar en 15 minutos arredor de onde vives, camiñando e facendo cousas. E despois podeste desplazar a dous núcleos, ao núcleo político-cultural que é Santiago e ao núcleo urbano-industrial que é Vigo.

Dende que regresei a Galicia, o que quixen foi recuperar sobre todo a vida cultural que me une a Galicia. Que é o grupo Rompente, que é a miña literatura, que é escribir en galego, escribir en castelán e en inglés. Esa recuperación do pasado, ten un problema. Hay emigrantes retornados que, cando están aquí, dalles a sensación que o que deixaron atrás era maravilloso e o que está aqui é frustrante. Ese xogo comparativo eu nunca o fixen. O tema é que regresar é un exericio complexo e ao final recuperas o que ti eras. O tema de regresar a Galicia non é para intentar facer carreira profesional, iso xa o fixen. O tema de regresar a Galicia é para intentar contribuir, para seguir estando, que é o máis importante.

E agora, cal será o seu camiño a seguir? 
Si se puideran facer máis cousas, eu sempre estou disposto a entrar en proxectos e en cousas que axuden, o que eu chamo diálogo transatlántico. En cousas que axuden sobre todo á xuventude de aquí, a conectarse co exterior e a conectarse mellor co interior. Porque eu creo que ás veces Galicia está máis desconectada dende o interior. E iso a min preocúpame. Por iso, unha ferramenta perfecta, é este tipo de xornalismo de interés humano que é a mellor maneira de reflexar comunidades. E que mellor maneira de facelo que facer que esa comunidade fale, dende as súas propias palabras.

Comentarios