lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

Os ambulantes de Vilagarcía ceden á proposta do Concello

O alcalde, Alberto Varela.
O alcalde, Alberto Varela.
O mercado instalarase nunha fila na rúa Alexandre Bóveda tal e como propoñía o Goberno local pero, a cambio, estudará unha moratoria

A reorganización do mercado de Vilagarcía ten xa un principio de acordo, segundo o resultado da xuntanza celebrada durante a tarde do mércores entre o Goberno local e os representantes dos ambulantes. Tras escoitar os argumentos aportados polo Goberno local, segundo os cales é "inviable" a alternativa presentada polo colectivo na anterior xuntanza, na que propoñía levar o mercado polas rúas peonís do centro, os ambulantes aceptaron a proposta inicial do Concello, pola que se limitarán os postos ambulantes de Alexandre Bóveda a unha única liña en paralelo á Praza de Abastos, para permitir que o tráfico rodado siga circulando de forma permanente por esta vía.

A cambio, o Concello comprométese a ampliar as obras que melloren a seguridade e a concederlles unha moratoria ata outubro para executar o traslado. As contraprestacións solicitadas serán estudadas polo conxunto do Goberno e coa opinión dos técnicos, para dar unha resposta definitiva "canto antes".

Segundo aclarou o Goberno local, a proposta dos ambulantes de levar o mercado polas rúas peonís de Castelao, Praza de Galicia e Rei Daviña, comprobouse inviable por "motivos de mobilidade" e por "perxudicar os intereses de terceiros". Nos informes requiridos para avaliar esta alternativa sinálase que nestas rúas "existen varias entradas a garaxes de bloques de vivendas que teñen que ter garantida a entrada e saída e cuxo tráfico non sería posible" cos postos de venda e a xente que acuda ao lugar. Igualmente, a actividade interferiría nos portais de vivendas, que quedarían "illados" no caso, por exemplo, de precisar da asistencia de vehículos de emerxencia. Ademais, nestas rúas peonís existen unha decena de establecementos hosteleiros que contan con autorizacións previas para a instalación de terrazas, dereito que se vería imposibilitado os martes e sábados pola mañá e ata ben entrada a tarde, cando rematan as labores de limpeza despois do mercadillo.

Deste xeito, pola súa parte, os ambulantes tamén descartaron a opción de desprazar de forma permanente todo o mercado cara o parque da Xunqueira, decantándose, polo tanto, pola primeira proposta realizada dende Concello, que pasa por manter unha única liña de postos en Alexandre Bóveda, encarados coa fachada da Praza de Abastos. O resto dos postos que actualmente se sitúan nesta rúa repartiríanse pola zona de Arcebispo Lago e parte da súa praza.

O ambulantes tamén argumentaron a necesidade dunha moratoria, xa que que "o verán é unha época forte de ventas, máis necesaria que nunca tras o prolongado paro que sufriron como consecuencia da pandemia". Por iso piden que o traslado non se execute ata o mes de outubro, manténdose ata ese momento o mercado en todo Alexandre Bóveda. Tendo en conta estas circunstancias, o executivo estudará a medida en conxunto cos técnicos municipais antes de dar unha resposta definitiva, cuxo acordo se plasmará por escrito.

Os ambulantes de Vilagarcía ceden á proposta do Concello
Comentarios